Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Universidade da Coruña
Consellería de Educación

 

Técnicas de Expresión Gráfico-Plástica
Técnicas E.G-PGrupo de traballoOrientaciónsModelo de exame

Orientacións do grupo de traballo ao currículo

 

Introdución.

Nas artes plásticas a concreción da obra lévase a cabo mediante as técnicas de expresión gráficoplástica, obxecto de estudo desta materia. O coñecemento destes materiais, utensilios e soportes abriranos un amplo campo de traballo permitíndonos diferentes resolucións plásticas dunha mesma xénese, así como a busca da técnica máis axeitada a resolucións de problemas concretos. O obxectivo é, tanto adquirir o coñecemento das distintas técnicas pertencentes ao ámbito do debuxo, da pintura e do gravado, como abrir novos vieiros na constante evolución e innovación das técnicas gráfico-plásticas. Esta materia non só pretende contribuír a conseguir un virtuosismo técnico, senón que será unha ferramenta de exploración e desenvolvemento dun proxecto gráfico, entendido non só como un simple exercicio proposto na aula, senón como un vehículo de expresión que lle permita ao alumnado medrar como persoa, optimizando as aptitudes de cadaquén. Esta busca da madurez persoal permitiralle coñecer e comprender o uso das distintas técnicas artísticas ao longo da historia da arte, ao mesmo tempo que contribuirá ao desenvolvemento da mente, das capacidades cognitivas a través do esforzo por crear e interpretar as obras de arte. Do anteriormente dito podemos extraer o conxunto de contidos que forman este currículo na súa tripla articulación: desenvolvemento de habilidades de carácter técnico a través dos diferentes materiais, utensilios e soportes; aplicación destes coñecementos á linguaxe da comunicación visual e, por último, estimular a sensibilización estética e a comprensión da obra artística, para achegarse baixo unha ollada máis madura á historia da arte.

Obxectivos.

O ensino das técnicas de expresión gráfico-plástica no bacharelato terá como finalidade o desenvolvemento das seguintes capacidades:

1. Coñecer e valorar os recursos expresivos e comunicativos que proporcionan as distintas técnicas de expresión gráfico-plásticas.
2. Coñecer, valorar e aplicar adecuadamente a terminoloxía, materiais, soportes, ferramentas e procedementos das técnicas gráfico-plásticas.
3. Adquirir destreza e dominio no manexo de técnicas e materiais empregados no desenvolvemento de proxectos gráfico-plásticos.
4. Desenvolver a capacidade creativa e a forma persoal de expresión a través da experimentación da linguaxe gráfico-plástica.
5. Apreciar, na observación das obras de arte, a influencia das técnicas e modos de expresión empregadas, relacionándoas co seu contorno histórico e cultural.
6. Coñecer e apreciar o valor, tanto das técnicas de expresión tradicionais, coma das máis innovadoras e tecnolóxicas.

Contidos.

Contidos comúns.  -Utilización de estratexias básicas da linguaxe plástica: formulación de problemas visuais, toma de decisións para acadar a resolución correcta e análise de resultados.
-Busca, selección e comunicación da información empregando recursos variados e terminoloxía axeitada.
-Emprego das tecnoloxías da información e da comunicación como ferramenta para a presentación de conceptos e o tratamento de datos.
-Valoración da contribución do feito artístico á comprensión do mundo e ao progreso e calidade da vida humana, así como á superación de prexuízos e á formación dun espírito crítico.
-Desenvolvemento da capacidade de reflexión co obxectivo de apreciar a influencia da obra artística no desenvolvemento persoal.

Factores que determinan a linguaxe gráfico-plástica.
-Os elementos principais nas distintas técnicas de expresión: a forma, a cor e a textura.
-Nocións compositivas básicas.
-Elementos básicos que definen a linguaxe visual gráfico-plástica.

Técnicas de debuxo.
-Materiais, útiles e soportes. Utilización da terminoloxía específica.
-Técnicas secas: carbón, e lapis de grafito, compostos, graxos e de cor.
-Técnicas húmidas: a tinta e as súas ferramentas.
-Aplicación das técnicas propias do debuxo na realización de traballos.

Técnicas de pintura. Materiais, útiles e soportes. Utilización da terminoloxía específica.
-Técnicas sólidas: o pastel. Aplicación práctica na realización de traballos.
-Técnicas á auga: acuarela, témpera e acrílico.
Aplicación práctica na realización de traballos.
-Técnicas ao aceite: óleos.
-Aproximación a outras técnicas tradicionais: encáustica, témpera e fresco.

Técnicas de gravado e estampación: monoimpresión e reprodución múltiple. –Materiais, útiles, maquinaria e soportes. Utilización da terminoloxía específica.
–Procesos de estampación única: a monotipia.
-Gravado en relevo: linóleo e xilografía.
-Gravado en oco: calcografía. Técnicas directas e técnicas indirectas. 
-Estampación plana: serigrafía e planografía (litografía e método permeográfico).
-Outros métodos de reprodución: offset, método electrónico, Copy Art. -Aplicación das técnicas de gravado estampación máis sinxelas na realización de traballos.

Técnicas mixtas.
-As técnicas no proceso artístico-cultural: estudo da evolución das técnicas
gráfico-plásticas a través da historia da arte.

Criterios de avaliación.

1. Utilizar as técnicas e materiais máis comúns da expresión artística atendendo ao seu comportamento. Con este criterio comprobarase se o alumnado dispón dos recursos gráfico-plásticos básicos para expresarse artisticamente. Avaliarase a utilización das técnicas e os materiais gráfico-plásticos máis comúns (pigmentos, aglutinantes, cargas, disolventes etc.) e a súa relación con soportes e aparellos máis adecuados.

2. Seleccionar e aplicar a técnica específica para a resolución dun problema proposto. Avaliarase con este criterio a comprensión e aplicación dos coñecementos teóricos e técnicos na práctica artística, valorando a capacidade expresiva das técnicas e materiais empregados.

3. Mesturar diferentes materiais e utilizalos de forma combinada e con diferentes técnicas nunha creación gráfico-plástica tendo en conta as súas intencións expresivas e comunicativas. Avaliarase con este criterio a capacidade de relacionar técnicas e linguaxes visuais para realizar unha composición. Do mesmo xeito avaliarase a capacidade de utilizar, integrar e contextualizar distintos materiais na execución dunha obra, atendendo ao efecto visual que producen na composición e nas persoas que a contemplan.

4. Coñecer e planificar o proceso de creación e realización dun proxecto artístico, sexa debuxo, pintura ou gravado, tendo en conta os seus materiais, procedementos e fases. Con este criterio avaliarase a capacidade do alumnado para desenvolver un proxecto gráfico-plástico, con creatividade, aplicando os coñecementos a un fin predeterminado.

5. Establecer a relación entre diferentes modos de emprego das técnicas nas distintas épocas, estilos e culturas. Con este criterio avaliarase a comprensión das manifestacións artísticas de diferentes autoras e autores, de distintas épocas, segundo as técnicas e materiais empregados ao longo da historia en diferentes culturas.

6. Valorar como medios de expresión artística e comunicación aquelas técnicas e materiais que tradicionalmente non forman parte da linguaxe gráficoplástica. Con este criterio avaliarase a capacidade do alumnado para comprender e asumir a constante evolución e innovación das técnicas gráfico-plásticas.

Orientacións metodolóxicas.
-Promover a interacción entre o alumnado e o profesorado para crear un ambiente de cooperación e participación que favoreza a comunicación e o intercambio de ideas.
-Planificación de actividades que permitan que o alumnado poida expresarse de xeito persoal dentro dun marco ben definido, con obxectivos e criterios claros en todo momento.
-Adaptar os obxectivos e contidos da materia aos intereses e capacidades de cada alumna e alumno.
-Potenciar a mirada crítica, de forma que as alumnas e os alumnos poidan ser conscientes dos recursos empregados e poidan construír a súa propia opinión e creación con espírito responsable.
-Empregar e fomentar o uso das TIC, de xeito informativo e de xeito expresivo.
-Realizar actividades que teñan como resultado un produto final completamente terminado, de calidade e apto para ser presentado.
-Potenciar a sensibilidade artística e estética e os valores positivos propios dunha sociedade harmoniosa e equilibrada.
-Potenciar a presenza da reflexión teórica durante o proceso da elaboración práctica.