Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Universidade da Coruña
Consellería de Educación

 

Electrotecnia
ElectrotecniaGrupo de traballoDirectrices
Directrices Xerais do grupo de traballo
 

O Grupo de Traballo de Electrotecnia estivo a traballar nos contidos esenciais que se deberían ter en conta no desenvolvemento da materia de Electrotecnia de segundo de bacharelato LOE, tal e como se considera no Decreto 126/2008 do 19 de xuño, polo que se establece o currículo de bacharelato na comunidade autónoma de Galicia (DOGA 23 de xullo do 2009).

Á vista dos contidos propostos en devandito decreto, non se observa a necesidade de variar substancialmente a estrutura e esixencia da proba tal como se está realizando xa que se axusta perfectamente aos contidos do novo Decreto. Queremos de todos os xeitos realizar unha serie de puntualizacións respecto da nova proba tendo en conta os problemas detectados até a data e o novo modelo de exame proposto. Dado o carácter tecnolóxico da materia, evítase a realización de preguntas teóricas, propondo un tipo de exame no que o alumnado sexa capaz de pór en práctica os coñecementos adquiridos.

Segundo o novo Decreto, a materia estrutúrase en sete bloques dos que os dous primeiros se corresponden a coñecementos científicos básicos, necesarios para comprender o resto dos conceptos.

Bloque 1. Fundamentos e fenómenos eléctricos.

  • Campo eléctrico, diferenza de potencial e forza electromotriz. Carga eléctrica e capacidade.
  • Intensidade e densidade de corrente. Resistencia eléctrica.
  • Traballo, enerxía e potencia. Efectos da corrente eléctrica: luz e calor.
  • Efectos da corrente eléctrica sobre o corpo humano. Seguridade e normas.
  • Magnitudes e unidades eléctricas.

Bloque 2. Fundamentos e fenómenos electromagnéticos.

  • Campo magnético. Imáns. Intensidade de campo, indución e fluxo magnético.
  • Campos e forzas magnéticas creados por correntes eléctricas. Forzas electromagnética e electrodinámica. Forza sobre unha corrente nun campo magnético.
  • Propiedades magnéticas dos materiais. Circuíto magnético. Forza magnetomotriz e relutancia.
  • Indución electromagnética: leis fundamentais. Autoindución.
  • Efectos da corrente eléctrica: principio de funcionamento das máquinas eléctricas.

Respecto ao terceiro bloque, circuítos eléctricos (correspondente ao Bloque I dos exames propostos até a data), vénse detectando nos exames dos últimos anos que, aínda que no referente a corrente continua o nivel mostrado polos alumnos á hora de resolveren e entenderen o funcionamento dos circuítos é alto, respecto dos circuítos de alterna os alumnos non identifican normalmente o problema e non son capaces de traballar con fasores espaciais.

Bloque 3. Circuítos eléctricos.

  • Circuíto eléctrico: xeradores e receptores. Análise de circuítos de corrente continua: leis e procedementos. Conexión de receptores. Divisores de tensión e de corrente.
  • Características e identificación de resistencias e condensadores. Xeradores: pilas e acumuladores.Carga e descarga do condensador.
  • Características e parámetros da corrente alterna. Efectos da resistencia, da autoindución e da capacidade na corrente alterna. Impedancia: reactancia, capacidade e indutancia. Variación da impedancia coa frecuencia: resonancia.
  • Análise de circuítos sinxelos de corrente alterna monofásica: leis e procedementos. Potencia en corrente alterna. Factor de potencia e corrección.
  • Sistemas trifásicos: xeración, conexión e tipos. Potencia en sistemas equilibrados.
  • Representación gráfica das magnitudes da corrente alterna: fasores.
  • Elaboración e interpretación de esquemas eléctricos de circuítos característicos de c.c. e de c.a. empregando a simboloxía normalizada.

O quinto bloque fai referencia especificamente a medidas en circuítos eléctricos (Bloque III da antiga proba). Consideramos fundamental este bloque tanto para que os alumnos sexan capaces de analizar correctamente un circuíto real como para que se decaten de que estes circuítos van funcionar segundo estean conectados, non como se supón que están deseñados. Por iso hai que facer fincapé neste apartado das consecuencias de non conectar correctamente os equipos.

Bloque 5. Medidas en circuítos eléctricos.

  • Medidas en circuítos de corrente continua e corrente alterna. Instrumentos e procedementos de medida.
  • Medida de magnitudes básicas en circuítos electrónicos. Instrumentos e procedementos de medida.
  • Localización de avarías en instalacións eléctricas e circuítos electrónicos.

No sétimo bloque, instalacións eléctricas, (Bloque II da antiga proba), o novo exame seguirá as mesmas pautas que o exame actual facendo máis fincapé nas instalacións de baixa tensión.

Bloque 7. Instalacións eléctricas.

  • Xeración, transformación, distribución e transporte da enerxía eléctrica.
  • Instalacións de iluminación, calefacción e forza motriz: normas e seguridade.
  • Consumo enerxético e estratexias de aforro en instalacións eléctricas domésticas e industriais.

Respecto dos bloques cuarto e sexto, (Bloque 4 da antiga proba), mantense a decisión de dar unha opción real no exame e por tanto deixar que sexan os centros nos que se imparte a materia de especializarse máis en máquinas eléctricas ou en electrónica, como viña sucedendo até o momento.

Bloque 4. Máquinas eléctricas.

  • Funcionamento, constitución, tipos e conexión das máquinas eléctricas: transformadores e máquinas de corrente continua e de corrente alterna.
  • Potencia, par motor, perdas e rendemento. Circuíto equivalente. Ensaios e aplicacións. Seguridade.

Bloque 6. Electrónica.

  • Semicondutores. Díodos, transistores e tiristores. Verificación dos valores característicos.
  • Rectificadores, amplificadores e multivibradores. Fontes de alimentación.
  • Circuítos integrados: amplificadores operacionais e circuítos lóxicos.
  • Circuítos básicos de control de potencia e de tempo.
  • Elaboración e interpretación de esquemas electrónicos de circuítos característicos empregando a simboloxía normalizada.
  • Eficiencia enerxética dos dispositivos electrónicos.