Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Universidade da Coruña
Consellería de Educación

 

Historia da Arte
Historia da ArteGrupo de traballoConsideraciónsEstrutura da probaModelo de exame
Consideracións dun Grupo de Traballo ao DCB
para o curso 2009-2010 (DOG 23 de xuño de 2008)
 

Na reunión do 20 de xuño de 2009 do Grupo de Traballo Loxse de Historia da Arte sobre dos contidos esenciais que deberán terse en conta no desenvolvemento da materia de Historia da Arte de segundo de Bacharelato Loxse, como se contempla no Decreto 126/2008 de 19 de xuño, polo que se establece o currículo de bachalerato na comunidade autónoma de Galicia (DOGA 23 de xullo de 2008),

Acordou que, partindo dunha aproximación á Historia da Arte a través da análise das súas obras e das diferentes linguaxes artísticas, é necesario afondar no coñecemento de distintos momentos da historia da arte que se consideran esenciais e significativos na formación e desenvolvemento da arte occidental e da nosa terra. Por iso consideramos que é fundamental insistirmos nos seguintes temas do devandito currículo:

Raíces da arte europea: o legado da arte clásica.

- Grecia. A Arquitectura grega. As ordes. A Acrópole de Atenas. A evolución da escultura grega (facendo especial fincapé na escultura do período clásico).
- A visión do clasicismo en Roma: a arquitectura romana. Tipoloxías construtivas (insistindo no concepto espazo interno, como característico de arquitectura romana fronte á grega, para o cal analizaremos polo miúdo o Panteón).
- Achegas á primeira arte cristiá: a basílica.
- Arte bizantina centrándose en Santa Sofía de Constantinopla.

Nacemento da tradición artística occidental: a arte medieval

- O prerrománico español e a súa incidencia en Galicia analizando Santa Comba de Bande e San Miguel de Celanova.
- A arte románica como primeira definición de Occidente. A arte no camiño de Santiago, estudando como prototipo a catedral de Santiago, tanto en arquitectura como escultura.
-Innovacións cara ao gótico. Os mosteiros cistercienses en Galicia, centrándose no mosteiro de Oseira.
-A arte gótica como expresión da cultura urbana; o sistema construtivo. A catedral gótica (estudarase como prototipo arquitectónico Reims e como escultóricos o Pórtico Real de Chartres e a Anunciación e a Visitación de Reims. En canto a pintura, destacaranse as innovacións de Giotto.

Desenvolvemento e evolución da arte europea no mundo moderno

A contribución dos primitivos flamengos. Centraranse en Van Eyck e as súas innovacións, moitas das cales serven de referencia á pintura italiana contemporánea (fixádevos que neste DCB a pintura flamenga se insire nun mundo moderno seguindo a idea de Panofsky. Loxicamente o termo “primitivismo” co que a arte flamenga aparece cualificada no DCB trátase dunha errata, pois a pintura flamenga do século XV poderase considerar “primitiva” en tanto que é a primeira ou a máis antiga, pero nunca “primitivista”, pois ela non volve ao primitivo senón que ela mesma é a primitiva).

O Quattrocento italiano: a reformulación da linguaxe clásica. Centrarémonos en  Brunelleschi, Donatello e Massacio como creadores dunha nova linguaxe, con ingredientes clásicos e humanistas en arquitectura, escultura e pintura.

O Cinquecento: clasicismo e manierismo na arte italiana. Tomaremos como exemplo Leonardo, Miguelanxo, Rafael e Tiziano. A Miguelanxo analizarémolo como pintor, escultor e arquitecto (cúpula de San Pedro do Vaticano).

O Renacemento en España. Analizaremos fundamentalmente o Escorial e a pintura do Greco.

Unidade e diversidade do Barroco. Faremos fincapé en San Pedro do Vaticano como obra de arte total xunguindo arquitectura, escultura e pintura, o que ademais nos servirá para engarzar coas achegas de Miguelanxo e Rafael que vimos no apartado anterior e para desenvolver a obra de Bernini como exemplo de arquitectura e escultura barroca italiana.

Na pintura barroca destacaremos o tenebrismo de Caravaggio.

No barroco español e galego, veremos as peculiaridades da nosa arquitectura analizando a obra de Domingo de Andrade (torre do reloxo da catedral compostelá), Fernando de Casas (Obradoiro) e Simón Rodríguez (fachada do convento de Santa Clara de Santiago);  imaxinería a través de Gregorio Fernández e pintura a través de Velázquez.

O século XIX: a arte dun mundo en transformación.

A personalidade independente de Goya.

Estudaremos a tendencia naturalista da arte do século XIX co seu apoxeo no impresionismo, centrándonos en Manet e Monet, e a súa transformación por Cezanne, Van Gogh e Gauguin. Aquí poderemos de pasada facer referencia ao descubrimento da fotografía e as súas consecuencias e a importancia do cartel (aínda que non sexan obxecto de pregunta no exame).

A ruptura da tradición: a arte na primeira metade do século XX

Para non nos dispersarmos demasiado, explicaremos cada unha das vangardas facendo referencias a un só artista: o expresionismo (Munch), fauvismo (Matisse), cubismo analítico e sintético (Picasso, que tamén estudaremos nas outras etapas da súa evolución), abstracción (Kandinsky), neoplasticismo (Mondrian), dadá (Marcel Duchamp) e superrealismo (Dalí).

Renovación da linguaxe arquitectónica: arquitectura funcional e orgánica; analizaremos a Le Corbusier e Wright.

A arte do noso tempo, a universalización da arte

Faremos unha cita mínima ao estilo internacional na arquitectura (poderíanos servir de exemplo unha obra dun arquitecto galego, como Albalat; penso por exemplo no edificio da Coca-Cola na Coruña), outra que nos sirva de base para a análise da arquitectura postmoderna e posteriormente veremos o deconstrutivismo (pódenos servir de exemplo a cidade da cultura de Santiago, aínda que sexa un deconstrutivismo final e xa moi mesturado).

Nas artes plásticas centrarémonos no expresionismo abstracto (Pollock), o informalismo (Tapies) e o pop art (Warhol e Lichestein, o que nos servirá para facermos unha referencia á banda deseñada). En escultura analizaremos a obra de Leiro, que nos valerá para ilustrarmos os cambios producidos na arte galega a partir da democracia e do estatuto.

Se temos tempo, faremos unha referencia ás últimas tendencias.