Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Universidade da Coruña
Consellería de Educación

 

Análise musical II
Descriptores de audicións
Análise musicalGrupo de traballoOrientacións
Anterior
10. Haydn, Cuarteto opus 76, nº 4, en Sib Maior
Seguinte

Audio Partitura 10 J. Haydn. Cuarteto opus 76, nº 4, en Sib Maior, (“Aurora”). Minuetto. Cando Haydn escribiu os cuartetos opus 76, nas postrimerías do século XVIII, xa levaba toda unha vida compoñendo música de practicamente todos os xéneros; o Cuarteto opus 76 nº 4, en Sib Maior é o número 63 da súa produción cuartetística. Haydn, así coma tantos compositores ó longo do século XVIII, estivo familiarizado coa forma do minuetto, xa que esta danza seguía a ser, dende as súas orixes francesas no século anterior, moi popular nos salóns da aristocracia europea. Asimesmo, esta danza xa contaba cunha traxectoria como elemento integrante de obras instrumentais, na súa forma primeiro bipartita (coma nas suites barrocas de danzas), e logo tripartita (incorporando un trío central en sonatas e sinfonías). Este minuetto segue o esquema tripartito tan frecuente no período clásico: unha primeira sección  (minuetto), logo un trio de carácter contrastante, e de novo o mesmo minuetto (dando unha forma ABA). Cada unha destas pequenas pezas ten asimesmo un esquema bipartito, neste caso o da forma binaria reexpositiva. No caso deste minuetto (parte A do movemento),a súa segunda sección é bastante maior que a primeira, e con ela Haydn introduce o espírito da forma sonata canto ó manexo das modulacións, a inclusión dun breve desenvolvemento sobre o motivo a do inicio da peza:

e ó rematar cunha pequena coda logo da reaparición do tema na tonalidade principal. O trio (parte B do movemento) presenta tamén rasgos de orixinalidade: segue ó minuetto sen solución de continuidade en lugar de comenzar despois dunha pausa, e non ofrece un contraste de tonalidade con aquel ata pasados varios compases. Neste caso, na transición dunha peza a outra mantense un pedal de tónica para presentar unha pausada e reflexiva melodía. As texturas do trío son absolutamente sinxelas e ralas, contrastando co papel moito máis activo e dialogante das voces do acompañamento que se dá ó longo do anterior.

Unha peculiaridade en todos os minuettos deste opus 76 haydiano é que teñen indicacións de tempo máis rápidas que o tradicional allegretto. Este caso concreto leva o indicativo de allegro e transgrede a mesura a tres, propia deste baile, medíndose a un pulso. Pese a que o minuetto aínda será cultivado no século seguinte, é este concepto de ritmo ternario a un pulso algo que caracterizará os scherzi que se porán tamén de moda e acabarán substituíndo ó minueto na maioría de obras en varios movementos decimonónicas.

Anterioranterior
seguinteSeguinte