Preguntas frecuentes sobre PAU
1) Podo presentarme só a algúns exames da parte obrigatoria?
Si, podes examinarte só dalgún exame das ofertadas na parte obrigatorio, pero ten en conta que se un/unha estudante se presenta á parte obrigatoria, debe facelo de forma completa, ás cinco materias desta parte: Lingua Castelá e Literatura II, Lingua Galega e Literatura II, Historia de España II ou Historia da Filosofía (a elección do alumnado), Primeira lingua estranxeira II e a materia específica obrigatoria de segundo curso de bacharelato da modalidade elixida (Debuxo Artístico II, Análise Musical II ou Artes Escénicas II, Matemáticas II ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Ciencias Xerais, Latín II ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II). A nota da parte obrigatoria calcúlase facendo a media das cinco materias.
Sen embargo, como nalgún título doutras universidades algunha das materias da fase obrigatoria pondera para a admisión (en ningún caso pertencente as universidades galegas), se xa aprobaches a parte obrigatoria en convocatorias anteriores e queres subir nota, podes examinarte novamente, tendo en conta que non entrará a mellorar a nota da parte obrigatoria.
2) A materia Historia da filosofía forma parte da parte obrigatoria?
Si.
Esta é unha materia pertencente a parte obrigatoria, se pode elexir entre Historia de España e Historia da Filosofía.
3) De que materias me podo examinar na parte voluntaria?
A parte voluntaria permite mellorar a nota de admisión aos distintos graos universitarios. O alumnado poderá examinarse dun máximo de tres materias, distintas das que se examinou na Parte Obrigatoria, a elixir de entre as 27 materias seguintes: Historia de España, Historia da Filosofía, Debuxo Artístico II, Análise Musical II, Artes Escénicas II, Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II, Ciencias Xerais, Debuxo Técnico Aplicado ás Artes Plásticas e ao Deseño II, Deseño, Fundamentos Artísticos, Técnicas de Expresión Gráfico-plástica, Coro e Técnica Vocal II, Historia da Música e da Danza, Literatura Dramática, Bioloxía, Debuxo Técnico II, Física, Xeoloxía e Ciencias Ambientais, Química, Tecnoloxía e Enxeñaría II, Movementos Culturais e Artísticos, Empresa e Deseño de Modelos de Negocio, Xeografía, Grego II e Historia da Arte. Tamén poderá examinarse de unha Segunda Lingua estranxeira (distinta da que cursou como materia obrigatoria, a elixir entre Inglés, Francés, Alemán, Italiano e Portugués).
Se xa tes aprobada a parte obrigatoria da PAU, entón debes consultar a resposta á pregunta “Podo presentarme só a algúns exames da parte obrigatoria?”.
4) Podo examinarme na parte obrigatoria dun idioma estranxeiro non cursado?
Non.
Na parte obrigatoria hai que examinarse do idioma estranxeiro cursado como primeira lingua estranxeira no bacharelato.
5) Cursei 1º de Bacharelato nun pais estranxeiro, podo solicitar a exención de Lingua e literatura galega II?
Non.
Consulta a resposta a pregunta “Cando podo estar exenta da proba de Lingua e Literatura Galega II na PAU?”
6) Cando podo estar exenta da proba de Lingua e Literatura Galega II na PAU?
Estarán exentas de examinarse da materia de Lingua Galega e Literatura II da PAU, aquelas persoas que estean exentas dela en segundo de bacharelato. Esta exención está regulada na orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG do 19 de febreiro), que deroga parcialmente a orde do 24 de marzo de 2011.
7) Estou exento/a da materia de Lingua e Literatura Galega II. Como se vai calcular a miña nota da parte obrigatoria?
Se estás exento/a de Lingua e Literatura Galega II de segundo de bacharelato, non tes que examinarte de galego na PAU e a túa nota será a media das catro materias da parte obrigatoria.
8) Podo utilizar as cualificacións dun Grao Profesional do Conservatorio para a PAU?
O cálculo da nota de bacharelato para estudantes que opten pola validación de algunha/s materia/s cursadas noutras ensinanzas está regulado pola Orde da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, do 22 de xuño de 2023 pola que se establecen medidas para a validación ou a exención de materias da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato e materias das ensinanzas profesionais de música e de danza ou a condición de deportista de alto nivel ou de alto rendemento (Artigo 5. 6).
9) Se son un estudante dunha das modalidades de bacharelato e estou en posesión do título de Técnico das Ensinanza Profesionais de Música ou de Danza, de que materia específica de modalidade me examino na Parte Obrigatoria ?
Se obtiveches o título de bacharel mediante a superación das materias comúns, de acordo ao establecido no artigo 25 do Decreto 157/2022, do 15 de setembro, poderás substituír a materia específica de modalidade pola materia que non escolleses previamente ao optar entre Historia de España e Historia da Filosofía.
Non obstante, poderás substituír esta materia por Análise Musical II ou Artes Escénicas II, á túa elección.
10) Teño Inglés como primeira lingua. Podo examinarme de dúas materias como segunda lingua?
Non.
Terás que elixir entre a oferta das outras linguas excepto inglés.
11) Se cursei bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía, podo examinarme na parte obrigatoria de Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II?
Tes que examinarte da mesma materia cursada como específica da modalidade.
Poderaste examinar na parte obrigatoria de Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II se é a materia cursada como específica da Modalidade de Ciencias e Tecnoloxía.
12) Podo examinarme nas PAU das dúas materias de matemáticas?
Si.
O estudantado de Ciencias e Tecnoloxía, Humanidade e Ciencias Sociais examinarase na parte obrigatoria das matemáticas que cursou como Materia específica de modalidade e poden examinarse da outra na parte voluntaria.
13) A materia específica de modalidade é sempre a mesma ou podo elixir para cada convocatoria?
A materia específica de modalidade da parte obrigatoria é sempre a mesma, pois ten que ser a cursada como específica de modalidade en bacharelato.
As materias da parte voluntaria poden cambiarse en cada convocatoria da PAU.
14) Se me presento ás probas ABAU (parte obrigatoria e parte voluntaria) e non supero a parte obrigatoria, consérvase a parte voluntaria para o ano seguinte? Consérvase para a convocatoria extraordinaria?
Non.
Se non se aproba a parte obrigatoria non se conservan as notas da parte voluntaria.
A parte obrigatoria consérvase para sempre.
15) Teño superada a PAU na convocatoria ordinaria. Podo presentarme na convocatoria extraordinaria para mellorar a nota?
Si.
A nota da parte obrigatoria é unha única cualificación. Para mellorar a nota na convocatoria extraordinaria, deberase examinar das 5 materias da parte obrigatoria. Sempre se conserva a mellor das cualificacións obtidas.
Na parte voluntaria, consérvase a mellor cualificación de cada unha das materias das que te examines. Cada nota de materias da parte voluntaria só se conserva durante tres cursos académicos (dous anos, no caso de que foran superadas na ABAU 2024 ou anteriores).
Debe terse en conta que no proceso de admisión ten prioridade o estudantado que ten superada a PAU na convocatoria ordinaria ou anteriores, polo que se melloras a nota de admisión esta non terá efectos ata o curso seguinte.
16) Podo examinarme na parte voluntaria dunha materia non cursada no bacharelato?
Si.
Calquera estudante pode matricularse na parte voluntaria das materias que desexe. Un/Unha estudante que curse un bacharelato de, por exemplo, ciencias sociais pode examinarse na parte voluntaria de materias desa especialidade ou de calquera das outras especialidades.
17) Estou cursando un ciclo de FP pero aínda non finalicei as Prácticas e o Proxecto, podo presentarme á parte voluntaria?
Si
O Artigo 27.4 da Orde de 24 de marzo de 2011 (DOG do 4 de abril) permite que estes estudantes realicen a parte voluntaria.
O centro de Formación Profesional ten que traspasar o expediente de XADE a Nerta. O expediente figurará como traspasado pendente de Formación en Centros de Traballo (FCT).
18) Quero utilizar como vía de acceso un ciclo de FP no que cursei de forma obrigatoria ou voluntaria un idioma. Podo examinarme como segunda lingua da mesma que cursei no ciclo de FP?
Se non te examinaches da parte obrigatoria das PAU podes examinarte pois non está expresamente prohibido por ningunha norma.
Se te examinaches da parte obrigatoria das ABAU /PAU entón a segunda lingua estranxeira non pode coincidir coa que te examinaches como primeira lingua.
19) Que necesito levar para os exames da PAU?
Á proba PAU tes que levar o documento nacional de identidade (DNI) ou documento identificativo (pasaporte, permiso de residencia etc.), o resgardo de matricula e xustificantes de pagamento para as probas e un bolígrafo ou pluma de tinta azul ou negra indeleble (imborrable).
Se é o caso, tamén material axeitado para realizar o exercicio correspondente ás materias de deseño, debuxo técnico ou artístico e técnicas de expresión gráfico-plásticas, o dicionario de latín‐español/galego ou grego‐español, e unha calculadora non programable e que non teña capacidade gráfica para os exercicios de Matemáticas II, Matemáticas aplicadas ás ciencias sociais, Ciencias Xerais, Física, Química, Empresa e deseño de modelos de negocio e Tecnoloxía e Enxeñaría II.
No exame de Latín II poderás utilizar o dicionario de latín-español/galego. Permitirase o uso do seu apéndice gramatical, sempre que forme parte orixinal e inseparable do mesmo. Non se permitirán as páxinas (interiores ou apéndices) con contidos literarios e de evolución do latín ao castelán ou ao galego. Neste caso deberalo comunicar aos membros da Comisión Delegada, que gramparán ou separarán as páxinas mencionadas antes do comezo do exame.
No exame de Grego II poderás utilizar calquera dicionario de grego-español/galego incluíndo o apéndice gramatical que poida levar anexo ese dicionario como parte orixinal e inseparable. Non estará permitido ningún caderno solto nin ningún engadido ao dicionario que non sexa orixinal.
No exame de Tecnoloxía e Enxeñaría II poderás utilizar a regra, escuadra e cartabón.
20) Con que material non está permitido acceder na PAU?
O alumnado non poderá acceder á aula co teléfono móbil ou calquera outro dispositivo electrónico activado, agás os explicitamente aprobados pola CiUG por razóns médicas de xeito individual.
Non está permitido o uso de ningún tipo de reloxo.
21) Podo levar un pano na cabeza para realizar a PAU?
Si.
Nas normas de realización do exame, de obrigado cumprimento para todo o alumnado da PAU, aparece indicado a obrigatoriedade de que todos os alumnos e alumnas deberán ter os pavillóns auditivos despexados para verificar que non se usan dispositivos auditivos non permitidos.
En consecuencia, o uso do pano na cabeza está permitido sempre e cando permita cumprir a anterior norma.
22) Cando se considera superada a PAU?
Cando o resultado da media ponderada do 60 % da nota media de bacharelato (NMB) e do 40 % da media das cinco materias da fase obrigatoria (NFO) sexa igual ou superior a 5 e a nota da fase obrigatoria (NFO) sexa igual ou superior a 4:
0,6*NMB + 0,4*NFO ≥ 5
NFO ≥ 4
23) Como é o proceso de Revisión das cualificacións dos exames da PAU?
Seguindo o marco lexislativo en vigor, establécese un único proceso de revisión. Neste novo proceso de revisión analizarase en primeiro lugar se houbo algún erro material na corrección (preguntas sen corrixir ou erros nas sumas). No caso de existir algún erro material que dea como resultado unha cualificación superior á cualificación provisoria obtida (identificada como P) pasa a ser a nova cualificación. No caso de non haber erros materiais que dea lugar a unha cualificación superior, mantense como cualificación provisoria a cualificación orixinal (identificada tamén como P).
Deseguido realízase unha segunda corrección por un novo corrector/a especialista, distinto ao que efectuou a primeira corrección. Se esta segunda cualificación, (identificada como S), ten unha diferenza menor de dous puntos con P a cualificación definitiva será a media aritmética: (S+P)/2. Se a diferenza entre S e P é de dous ou máis puntos, dúas persoas distintas das anteriores efectuarán unha terceira corrección. Neste caso a cualificación definitiva será a consensuada por estas dúas persoas.
24) Podo ver os exames corrixidos?
Si, podes ver aqueles exames dos que pediches revisión da súa cualificación.
Debes solicitar que exames desexas ver despois do proceso de revisión presentando a solicitude no Lerd nas datas indicadas na convocatoria correspondente.
25) Como se calcula a nota de admisión a unha titulación determinada?
Unha vez superada a parte obrigatoria (0,6*NMB + 0,4*NFO ≥ 5), a nota de admisión dun mesmo/a estudante pode variar para cada titulación:
Nota de admisión = 0,6*NMB + 0,4*NFO + a1*M1 + a2*M2
sendo a1 e a2 as porcentaxes de ponderación das materias M1 e M2 para esa titulación, e M1 e M2 as cualificacións das dúas materias cursadas polo/a estudante, tal que a1*M1 + a2*M2 é a nota máis favorable para esa titulación.
26) Se superei a ABAU fai máis de dous anos, podo empregar o resultado da materia específica de modalidade para a parte voluntaria?
Non, nese caso estaría caducada como materia da parte voluntaria.
27) A materia específica de modalidade da parte obrigatoria puntúa dúas veces?
Si, se a cualificación é igual ou superior a 5 puntos.
A cualificación desta materia utilízase dúas veces: para calcular a media das cinco materias da parte obrigatoria e tamén para ponderar, xunto ás outras catro tres (como máximo) e a segunda lingua da parte voluntaria que se utilizan, para calcular a nota de admisión.
28) Son un/unha estudante estranxeiro dun país membro da Unión Europea ou dun país co que hai acordo internacional. Podo acceder a unha universidade do sistema universitario galego?
Podes acceder se reúnes os requisitos de acceso á universidade no teu país de orixe.
Tes que solicitarlle á UNED (Universidade Nacional de Educación a Distancia) unha credencial que acredite que reúnes os requisitos de acceso á universidade no teu país de orixe. A credencial é un título suficiente para o acceso, e este ordenarase de acordo coa cualificación que figure na credencial.
Aínda que non é obrigatorio realizar as probas de acceso á universidade, se desexas aumentar as posibilidades de acceso, podes mellorar a nota media ata 4 puntos mediante a realización da fase voluntaria das probas. Se es estudante de sistemas educativos da Unión Europea, podes facelo a través da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED). Se xa tes a credencial da UNED e tes residencia en Galicia, podes examinarte da parte voluntaria das ABAU a través da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).
29) Como son os exames da UNED para o acceso do estudantado estranxeiro?
Os exames das PCE da UNED poden consultarse na páxina web desta universidade.