Preguntas frecuentes sobre Acceso
1) Cantas titulacións podo solicitar?
Podes solicitar un máximo de cinco titulacións diferentes e un máximo de dez solicitudes se algunhas son repetidas. Non é obrigatorio solicitar o máximo de titulacións, é dicir, unha persoa pode solicitar unha única titulación do sistema universitario de Galicia.
2) É importante a orde en que solicito as titulacións?
Si.
A orde ten a máxima importancia, porque a admisión faise de acordo coa orde solicitada e non se pode cambiar unha vez iniciado o proceso.
3) Se quero matricularme nun grao de Ciencias da Actividade Física e do Deporte ou Xestión Industrial de Moda, é suficiente realizar a preinscrición?
- Os graos de Ciencias da Actividade Física e do Deporte teñen probas específicas.
- O Grao en Xestión Industrial de Moda ten requisitos de admisión específicos.
En consecuencia, cómpre superar a correspondente proba específica que unicamente pode ter como cualificación «apto/a» ou «non apto/a».
4) Que debo facer se me convocan nunha titulación pero eu marquei outra(s) con maior preferencia e aínda non está(n) pechada(s)?
Nese caso debes volver a confirmar que segues interesado en permanecer na listaxe de agarda desa/s titulación/s que sigan sendo da túa preferencia e que non están pechadas.
Se cambiaches de idea e desexas matricularte na que estás convocada/o podes facelo pero acabas o proceso. Xa non podes cambiar de matrícula para ningunha das titulacións que aínda non están pechadas.
As que solicitaches con maior preferencia e que están pechadas, neste momento do proceso de admisión podes marcar que desexas continuar na listaxe de agarda desa/s titulacións/s, por se se producen vacantes como consecuencia de anulacións de matrícula.
Despois de cada chamamento debes marcar que desexas continuar na listaxe de agarda das titulacións pechadas que che sigan interesando e, se non te matriculas, debes volver a confirmar que segues interesado en permanecer nas listaxes de agarda das titulacións que non están pechadas.
5) Ata cando podo estar en listaxe de agarda dunha titulación?
Se despois de cada chamamento volves confirmar que segues interesado/a en seguir nas listaxes da CIUG, podes agardar sen matricularte noutra ata que a titulación apareza como pechada.
6) Coas miñas cualificacións de acceso da fase obrigatoria e da fase voluntaria podo acceder ás titulacións universitarias do resto de comunidades autónomas?
Si.
O distrito universitario é único, é dicir, a cualificación de acceso vale para todas as universidades públicas españolas. Debes ter en conta que o sistema de ponderacións varía dunhas universidades a outras e, polo tanto, en cada unha (ou en cada distrito) aplicarase o seu propio sistema de ponderacións que pode ser distinto ao que hai en Galicia.
7) Que validez teñen as cualificacións da fase obrigatoria e da fase voluntaria das PAU?
A fase obrigatoria ten validez indefinida. As cualificacións da fase voluntaria da PAU de 2025 terán validez, sempre que se aprobe a fase obrigatoria, durante o curso que se inicie inmediatamente despois da superación da proba e os dous cursos académicos seguintes a este (tres cursos).
Alumnado coa proba de acceso superada según normativas anteriores: as cualificacións obtidas na proba para mellorar a nota de admisión terán validez o curso que se inicia inmediatamente despois da superación das probas e los dos cursos académicos seguintes.
8) Aprobei as PAU/ABAU anteriormente e teño algunha materia da fase voluntaria aprobada nas PAU de fai dous cursos. Podo utilizalas para o acceso neste curso?
Non.
As notas da fase voluntaria anteriores a 2025 só tiñan validez durante dous cursos.
9) A materia troncal xeral vinculada á modalidade de bacharelato (Debuxo Artístico II, Análise Musica II ou Artes Escénicas II, Matemáticas II ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Ciencias Xerais) da fase obrigatoria puntúa dúas veces?
Si, sempre e cando a cualificación sexa igual ou superior a 5 puntos.
A cualificación desta materia utilízase dúas veces para calcular a media das cinco materias da fase obrigatoria e tamén para ponderar xunto ás outras catro (como máximo) da fase voluntaria que se utilizan para ponderar.
10) Se non me presento á fase voluntaria, a materia troncal de modalidade da fase obrigatoria pondera igual?
Si, sempre e cando a cualificación sexa igual ou superior a 5 puntos.
Se non te presentas a ningunha materia da fase voluntaria podes ter un máximo de 12 puntos para a admisión á universidade porque a materia troncal xeral cursada con vinculación á modalidade (Debuxo Artístico II, Análise Musica II ou Artes Escénicas II, Matemáticas II ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Ciencias Xerais) pondera automaticamente (nas titulacións en que está establecido).
11) Se na fase voluntaria me presento a catro materias, tamén me pondera a materia troncal de modalidade da fase obrigatoria?
Si, pode ponderar e depende das cualificacións das outras materias e dos parámetros de ponderación para cada grao específico.
Un/Unha estudante pode ter un máximo de cinco materias que lle ponderan para o acceso: as catro materias da fase voluntaria e a troncal xeral de modalidade da fase obrigatoria. O sistema informático collerá, para cada titulación universitaria, as cualificacións das dúas (de entre estas cinco materias) que mellor nota de admisión lle resulte á/ao estudante.
12) Presenteime ás probas PAU (parte obrigatoria e parte voluntaria) e non superei a parte obrigatoria. Consérvase a parte voluntaria para a convocatoria extraordinaria? Consérvase para o ano seguinte?
Non.
A parte voluntaria só se conserva se se aproba a parte obrigatoria.
13) O estudantado de ciclos formativos de grao superior accede á universidade coa súa cualificación de admisión en igualdade de condicións ca o estudantado de bacharelato ou hai unha porcentaxe de prazas exclusiva para FP?
Acceden en igualdade de condicións. Non hai unha porcentaxe de prazas específica para FP.
14) Son un/unha estudante que cursa de forma simultánea segundo de bacharelato e bacharelato internacional. Podo examinarme das PAU (parte obrigatoria e voluntaria) e das probas de competencias específicas da UNED na mesma convocatoria?
Si,
RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2024, conxunta da Secretaría Xeral de Universidades e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a realización, dentro do curso 2023/24, da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (PAU) para o curso 2024/25.
Disposición adicional primeira. 3. No suposto de realizar a PAU en máis dunha universidade na mesma convocatoria, quedarán anuladas todas elas. Isto non será de aplicación para o alumnado que curse o bacharelato internacional para os efectos da realización da PAU na UNED.
15) Se un/unha estudante se examina da PAU en máis dunha universidade na mesma convocatoria, pode utilizar a mellor das cualificacións para o acceso á universidade?
Non.
Salvo o alumnado que curso o bacharelato internacional para os efectos da realización da PAU/ABAU na Uned.
Se un alumno/a se examina en máis dunha universidade na mesma convocatoria, quedarán anuladas todas elas.
Xustificación:
RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2024, conxunta da Secretaría Xeral de Universidades e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a realización, dentro do curso 2023/24, da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) para o curso 2024/25.
Disposición adicional primeira. 3. No suposto de realizar a ABAU en máis dunha universidade na mesma convocatoria, quedarán anuladas todas elas. Isto non será de aplicación para o alumnado que curse o bacharelato internacional para os efectos da realización da ABAU na UNED.
16) Son un/unha estudante de ciclos formativos de grao superior e o meu ciclo non está relacionado cun determinado grao universitario. Podo acceder a el?
Si.
A vía de acceso desde un ciclo formativo de grao superior permite acceder a calquera grao universitario, considerando como primeiro criterio de admisión a cualificación final do ciclo mais a suma das cualificacións ponderadas da fase voluntaria.
As universidades poderán ter en consideración para a admisión deste alumnado a correspondencia que, a tales efectos, teña establecido o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes entre os seus títulos e os ámbitos de coñecemento (Artigo 23.2. do Real Decreto 534/2024, de 11 de xuño).
17) Superei segundo de bacharelato no curso 2016/2017 ou 2017/2018 e non accedín á universidade. Podo acceder agora sen realizar as probas PAU?
Non.
Nese curso podías acceder en virtude da disposición transitoria única da Orde ECD/1491/2016, do 22 de decembro, pero esa disposición transitoria xa non está vixente.
18) Superei segundo de bacharelato no curso 2016/2017 ou 2017/2018 e accedín á universidade en virtude da disposición transitoria única da Orde ECD/1491/2016, do 22 de decembro. Podo realizar só a fase voluntaria das probas PAU?
Non.
Todo o alumnado que cursou o bacharelato en anos anteriores non pode realizar só a parte voluntaria se non ten superada a parte obrigatoria. A disposición transitoria única da Orde ECD/1491/2016, do 22 de decembro, non está vixente.
19) Presenteime para subir nota pero obtiven unha cualificación inferior. Cal é a miña cualificación para acceder á universidade?
A nota da parte obrigatoria é unha única cualificación e consérvase a mellor das cualificacións.
Na fase voluntaria consérvase a mellor cualificación de cada unha das materias das que se examine. Cada nota de materias da fase voluntaria só se conserva durante dous cursos.
20) No proceso de revisión cambiou a miña nota da PAU. Debo modificar a miña solicitude de admisión?
No caso de examinarse das PAU que organiza a CiUG, as notas actualízanse automaticamente. Se te examinaches fóra de Galicia, debes comunicar a nova cualificación a través dun dos LERD dunha universidade galega.
21) Como se presenta unha alegación a un chamamento para o acceso?
Despois de cada chamamento podes presentar unha alegación en calquera dos sete LERD das universidades do SUG. Tamén podes presentala a través dun enlace da páxina Web da CiUG.
22) Cando se resolve unha alegación presentada contra os chamamentos de admisión?
Os efectos dunha alegación fanse públicos co chamamento inmediatamente posterior.
23) Un alumno/a que estuda nun centro de Galicia pero cun sistema educativo estranxeiro, ou que vén directamente doutro país, pode acceder ás universidades do sistema universitario galego?
Si, pero hai que ter en conta se o país dos estudos ten convenio de acceso con España ou non. As condicións do acceso determínaas a UNED.
Se o/a estudante ten que facer as PAU/ABAU para acceder ás universidades españolas, debe realizar estas probas na UNED. Será esta a que emitirá unha credencial coa que poderá acceder ao procedemento de preinscrición universitaria.
24) Se non se cobren todas as prazas de reserva para persoas tituladas, M25, M40, M45, deportistas e persoas con discapacidade, mantéñense para os/as estudantes da convocatoria extraordinaria?
As prazas non cubertas por estudantes da convocatoria ordinaria do cupo xeral ou de deportistas e persoas con discapacidade mantéñense para solicitantes da preinscrición extraordinaria.
As prazas dos outros grupos (persoas tituladas, M25, M40 e M45) que queden sen cubrir na convocatoria ordinaria acumúlanse ao cupo xeral.
25) Cal é a miña nota media para acceder cun mestrado polo grupo de persoas tituladas?
Para acceder polo grupo de persoas tituladas mediante a acreditación dun título de mestrado, a nota de admisión calcularase como a media ponderada, en función dos créditos cursados, da media do expediente dos estudos de grao ou título oficial equivalente que lle deu acceso ao mestrado e a media do expediente do título de mestrado.
26) Teño o título Superior de Música na especialidade de instrumentos da música tradicional e popular de Jesús Riveira Campillo. Podo acceder a un grao polo grupo de persoas tituladas?
Si.
O Real Decreto 534/2024, de 11 de xuño, establece:
Disposición adicional séptima. Título de Grado en Enseñanzas Artísticas Superiores.
Todos los reconocimientos que a efectos de acceso y admisión se otorgan en este real decreto a los títulos universitarios oficiales de Grado se extenderán también a los Títulos de Grado en Enseñanzas Artísticas Superiores.
27) Son un/unha estudante cun título estranxeiro de grao, mestrado ou equivalente e quero acceder aos estudos de grao polo grupo de persoas tituladas. Necesito homologar o título?
Si.
Tanto as persoas tituladas do EEES coma as doutros países teñen que acreditar, polo menos, a solicitude de homologación ou equivalencia en España, expedida polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, para solicitar o acceso aos graos polo grupo de persoas tituladas.
No caso de que a solicitude de homologación estea pendente de resolución, tes que comunicarlle á universidade á que accedas todo tipo de resolución do Ministerio relativa á súa solicitude de homologación, xa sexa positiva, negativa ou de requirimento de cursar complementos formativos.
Se o Ministerio resolve negativamente a súa solicitude de homologación, causará baixa na universidade sen que os estudos cursados causen ningún efecto.
Xustificación
Na UE (España incluída) non existe o recoñecemento automático de títulos académicos. Iso significa que, para obter o recoñecemento de estudos ou titulación noutro país membro no que queres continuar estudando, tes que seguir o seu propio procedemento nacional. As administracións dos países da UE seguen sendo responsables dos seus sistemas educativos e son libres de aplicar as súas propias normas, que entre outras cousas recollen o recoñecemento ou non dos títulos obtidos no estranxeiro.
28) Son un/unha estudante en posesión dun título de doutor/a e do Diploma de Estudos Avanzados (DEA) por cursar os estudos de doutoramento baixo o Real decreto 778/1998. Podo acceder a un grao polo grupo de persoas tituladas co título do DEA ou co título de doutor/a?
Non.
Segundo o establecido no artigo 28 do Real decreto 412/2014, do 7 de xuño, para os/as estudantes que xa estean en posesión dunha titulación universitaria oficial ou equivalente, reservarase un 1 % do total de prazas que para cada título e centro oferten. Para estes efectos o «Acordo das universidades públicas do sistema universitario de Galicia sobre os procedementos de admisión aos estudos universitarios oficiais de grao» establece que a súa nota de acceso á universidade será a nota media do título universitario oficial correspondente ou, no caso de que presente un título de mestrado, a nota media ponderada, en función do número de créditos, resultante da nota media do mestrado e do título universitario oficial que o faculte para o acceso ás ensinanzas do mestrado.
No caso de títulos distintos dos de grao consideraranse as diplomaturas e as enxeñarías técnicas como titulacións de 180 créditos e as licenciaturas como titulacións de 300 créditos.
En consecuencia, non está previsto que o DEA se poida ter en consideración para o acceso aos estudos de grao.
29) En anos anteriores matriculeime nunha titulación, pero agora desexo cambiar de estudos. Que debo facer?
Se é dentro da mesma universidade, debes consultar cal é a súa normativa.
O proceso, a través da CiUG, é o mesmo e nos mesmos prazos que para estudantes que se inscriben por primeira vez.
Debes ter en conta que a fase voluntaria só ten validez para dous cursos (para o curso en que se superou e o curso seguinte).
30) Estou convocado para matricularme, pero estou esperando noutras universidades. Debo matricularme?
O proceso da CiUG é independente do resto de comunidades e debes actuar sen ter en conta esa circunstancia. No caso de que che concedan unha praza noutra universidade con posterioridade e decidas matricularte, debes anular de forma inmediata a túa matrícula na universidade galega e solicitar a devolución dos prezos públicos aboados.
31) Un alumno/a que superou as probas de acceso de Portugal para maiores de 25 anos, pode solicitar o acceso a unha universidade do sistema universitario galego con esa proba?
Non.
A normativa actual non prevé o acceso ás universidades españolas para o estudantado estranxeiro con probas de acceso para maiores de 25 anos superadas no seu país.
32) Estou cursando un ciclo de FP pero aínda non finalicei as Prácticas e, no caso o Proxecto, podo preinscribirme para acceder á Universidade?
NON
O Artigo 27.4 da Orden de 24 de marzo de 2011 (DOG do 4 de abril) permite que estes estudantes realicen a parte voluntaria da ABAU pero non poden acceder á universidade ata que teñan feito o depósito do título de FP.
33) Teño o Bacharelato superado pero non aprobei ás PAU/ABAU. ¿Podo realizar as PAU M25 para acceder á Universidade?
Si.
O título de Bacharelato non permite acceder á Universidade se non se ten as PAU/ABAU superadas e polo tanto podes acceder coas PAU M25.
34) Son un/unha estudante estranxeiro que ten homologado o título de bacharelato. Podo examinarme da parte obrigatoria para mellorar a miña nota de acceso?
Non.
No caso do estudantado estranxeiro, a nota de acceso á universidade será a nota proporcionada pola súa credencial expedida pola UNED ou órgano competente equivalente, ou homologación polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Podes realizar a parte voluntaria.
35) Que debo facer se me convocan nunha titulación e todas as que solicitei con maior preferencia aparecen como pechadas?
Neste caso tes que matricularte. As titulacións que solicitaches con menor preferencia xa aparecen liberadas e, se non te matriculas, a túa praza será ocupada pola seguinte persoa na listaxe de agarda e quedas fóra do sistema.
Se desexas continuar na listaxe de agarda de algunha/s das titulacións pechadas, por se se produciran vacantes como consecuencia de anulacións de matrícula, debes marcar que desexas continuar nesa/s titulacións/s.