Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Universidade da Coruña
Consellería de Educación

 

Procedemento para matricularse
 

1.- PRIMEIRA CONVOCATORIA DE MATRÍCULA

Se o solicitante aparece convocado/a para matricularse na titulación da súa primeira preferencia, deberase matricular no prazo establecido, do contrario perderá todos os seus dereitos.

Se o solicitante aparece convocado/a para matricularse nunha titulación que non sexa a de primeira preferencia, poderá esperar a matricularse nela en tanto non se peche a matrícula nas titulacións solicitadas con maior preferencia. No caso de matricularse nela ou en calquera outra titulación sen límite de prazas, decae dos seus dereitos de continuar no proceso de ingreso en titulacións con límite de prazas.

2.- SUCESIVAS CONVOCATORIAS DE MATRÍCULA

Despois da primeira convocatoria de matrícula poden quedar prazas vacantes como consecuencia de que algún dos alumnos convocados non formalice a súa matrícula. Neste caso, sobre as prazas vacantes realizarase unha reasignación automática de acordo cos mesmos criterios cos que se fixo a primeira convocatoria e convocaranse aos alumnos para formalizar a matrícula, nos sucesivos prazos sinalados no calendario de matrícula.

As sucesivas convocatorias de matrícula anunciaranse nos LERD, na CiUG e na páxina web da CiUG.

Nestas convocatorias sucesivas o alumnado pódese atopar nos seguintes supostos:

* Se o alumno/a é convocado/a para matricularse na titulación da súa primeira preferencia, deberá facer a matrícula, pois do contrario perderá todos os seus dereitos.

Nota: Enténdese por primeira preferencia aquela que o alumno/a solicitou no primeiro lugar ou en lugares sucesivos no caso de se esgotaren as prazas ("peche") das titulacións solicitadas nas primeiras preferencias.

* Se o alumno/a é convocado/a para matricularse nunha titulación de menor preferencia, poderá facer a matrícula ou non.

De facela, a matrícula considerarase firme e non terá a oportunidade de cambiarse a outra titulación.
De non facela, poderá esperar a matricularse nunha titulación de maior preferencia ata o peche da matrícula nestas, o que se anunciará coa publicación dos sucesivos listados de admitidos e de espera.

O peche de matrícula dunha determinada titulación implica a desaparición automática das listas de espera, de xeito que non se volverá a abrir de novo a matrícula desa titulación.