Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Universidade da Coruña
Consellería de Educación

 

Lingua Galega e Literatura
Lingua Galega e LiteraturaGrupo de traballoModelo de exame
Criterios de corrección
 

 

[Márcanse en vermello os criterios de carácter xeral e observacións de especial interese]

OPCIÓN 1

O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados como era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ao retrato.

Os americanos xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirán do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas, en procura do pai ensoñado.

De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato ou aínda mellor portado, e Migueliño sentiu por el un grande amor e canto máis se achegaba o americano máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. Ai, o americano pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo.

Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz debecíase por bicalo a fartar. Tiña un porte de tanto señorío! Ai, o americano pasou de largo e nin tan sequera reparou que o seguían os ollos angurentos dun neno. Migueliño escolleu así moitos máis que non eran e a todos quixo tolamente. E cando esculcaba con máis anguria fíxose cargo de que un home estaba abrazado a súa nai. Era un home que non se parecía ao retrato; un home moi fraco, metido nun traxe moi frouxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo...

Aquel si que era o pai de Migueliño.

A. R. Castelao, Cousas.

1. Por que cres que Migueliño, a pesar de que “sabía cos ollos pechados como era o seu pai”, o confunde reiteradamente con outros americanos e finalmente non o recoñece? Apoia a túa resposta con referencias explícitas ao propio texto. [1 punto] Valorarase unha resposta que vaia alén da argumentación máis obvia das diferenzas físicas provocadas polo paso do tempo e repare nos efectos que na apreciación do neno ten a súa idealización da figura paterna (vid. p. ex., “Os seus ollos esculcaban en procura do pai ensoñado”).

2. Que idea cres que nos intenta transmitir o autor con esta anécdota? Cal é a visión que nos dá Castelao da emigración neste texto? [1 punto] Espérase que o/a alumno/a saiba captar a intencionalidade do texto máis alá da anécdota concreta así como a visión crítica que o autor nos dá do fenómeno da emigración como traxedia individual e social.

3. Galicia pasou en poucos anos de ser país de emigración a receptora de inmigrantes. Compara ambos os fenómenos e reflexiona acerca da imaxe que temos hoxe en Galicia sobre a inmigración e da que había antes sobre a emigración de galegos a outras terras (extensión aprox. 200-250 palabras) [3 puntos]

Valorarase a capacidade para producir un texto que sexa informativo, coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente. Os 3 puntos desagregaranse en tres tramos de 1 punto cada un, do seguinte xeito:

1) Construción textual: 1 punto. Valorarase: 1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns) como a “orixinalidade” gratuíta.1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, e non introducir contradicións. 1.c) A organización da información: estruturación do texto (e. g., introdución, desenvolvemento, conclusións), argumentación, organización en parágrafos.

2) Adecuación léxico-gramatical: 1 punto. Valorarase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados como os que amosan un requintamento afectado. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos.

3) Corrección ortográfica e gramatical: 1 punto. Valorarase non só o correcto dominio da ortografía senón tamén dos signos de puntuación e da gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar. No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación consonte os criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta.

4. Na liña 4 aparece a terminación -án (peirán) característica dun determinado bloque dialectal do galego. Identifica ese bloque e sinala outras tres características propias desa zona. [1 punto] Pola correcta identificación do bloque (occidental): 0.4 puntos. Por cada unha das características propias da zona: 0.2.

5. Analiza sintacticamente: O rapaz debecíase por bicalo a fartar (l. 12). [1 punto]

Valorarase a correcta identificación das funcións oracionais e das categorías ou unidades sintácticas que as desempeñan. Admítese calquera modo de representación da análise así como as diversas terminoloxías, sempre que se empreguen de xeito coherente. Ítems de referencia na corrección:

1. O rapaz: FN - Suxeito

2. Debecíase: Verbo - Predicado (ou Núcleo da FV-Predicado)

3. Se: Ollo: trátase dun se léxico (v. pron.), que non desempeña función sintáctica ningunha

4. Por bicalo a fartar: FPrep - Complemento preposicional (ou suplemento ou terminoloxía afín)

5. Bicalo a fartar: Oración (ou FV) - Termo/Complemento… da FPrep.

6. Bicar: Verbo - Predicado (ou Núcleo da FV-Predicado)

7. -lo (=o neno): Pron. (ou FN) – CD

8. A fartar: Loc. Adv. – CCIRC de Cantidade (de bicar, non de debecíase!)

—Pola correcta identificación das funcións: 0.8 puntos = 0.1 por cada ítem. (No ítem 3 sumarase cando non se atribúa función sintáctica ningunha ao clítico)

—Pola correcta identificación das categorías ou tipos de unidades: 0.2 puntos no conxunto da análise.

6. Contesta unha destas dúas preguntas (escolle só unha; extensión aprox. 200-250 palabras). [1 punto]

a) Linguas minorizadas e linguas minoritarias. O galego: lingua en vías de normalización.

b) As funcións sociais da lingua. Conflito e diglosia. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos.

Agárdase unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa propia puntuación da pregunta e co tempo de que se dispón para o exame. Valorarase a adecuada selección e presentación da información máis relevante sobre o tema escollido, evitando as divagacións e as xeneralidades pouco informativas. A pesar de tratarse de preguntas pechadas preestablecidas, espérase que o/a alumno/a constrúa o seu propio texto de maneira personalizada. Penalizaranse (ata 0.25 puntos) as respostas que evidencien unha pura reprodución memorística de textos non-persoais.

7. Contesta unha destas dúas preguntas (escolle só unha; extensión aprox. 400 palabras) [2 puntos]

a) A Nova Narrativa galega. Características, autores e obras representativas.

b) A poesía de vangarda. Características, autores e obras representativas.

Valorarase a adecuada inclusión dos seguintes elementos sobre o tema escollido:

a) Información acerca do contexto (acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.)

b) Información acerca dos principais autores dun período ou corrente. Esta información non só debe facer referencia ás principais obras senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores.

c) Información acerca do que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Non se considerarán correctas respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. A pesar de tratarse de preguntas pechadas preestablecidas, espérase que o/a alumno/a constrúa o seu propio texto de maneira personalizada. Penalizaranse (ata 0.5 puntos) as respostas que evidencien unha pura reprodución memorística de textos non-persoais.

OPCIÓN 2

Coa ofensiva chegaran algúns personaxes novos, sobre todo cooperantes. Un deles estívome explicando o pésima que era a información que se recibía en España sobre o conflito. O feito de que eu fose, entre moitos outros, un dos que escribían esa información, non pareceu afectarlle o máis mínimo. Para el, os xornais estaban cheos de mentiras e manipulacións. Que xornais lía? En realidade, confesou, ningún. Por que? Porque estaban cheos de mentiras e manipulacións. Tiña outras fontes de información? Non, en realidade non. Pero intuitivamente, sabía que o que contabamos, fose o que fose, era mentira. É curioso canta xente hai no mundo que pensa deste xeito. A miúdo riamos cavilando na realidade do traballo dun correspondente nun conflito. Parecía que só nós sabíamos que tratar de decatarse de algo en medio do caos informativo, as limitacións físicas e de tempo, eran factores de distorsión da información moito maiores que a presión da liña editorial dos nosos xornais que, se existía, era errática e fácil de esquivar. Escapulinme del e sumeime ao grupo dos xornalistas. Estaban bébedos, falando en serio de organizar nós tamén un equipo de fútbol para enfrontarse ós espías. Estabámolo pasando todos ben, mais, inevitablemente, non eramos quen de gozalo. A guerra volvía unha e outra vez ás conversas, aínda que intentásemos escorrentala, polo menos por unha noite, como quen intenta escorrentar unha mosca.

M. A. Murado, Fin de século en Palestina.

1. Sinala de maneira xustificada cal é a intención do autor do texto: [1 punto]

a) Denunciar a manipulación da información nos medios de comunicación

b) Denunciar as guerras que afectan á humanidade

c) Denunciar o tópico de que os medios de comunicación manipulan a información

Espérase que o/a alumno/a sexa quen de identificar a intencionalidade do texto entre as tres opcións propostas. Pola identificación da opción correcta (c): 0.5 puntos.Pola adecuada xustificación da escolla: 0.5 puntos.

2. Indica o significado que teñen no texto as seguintes palabras: manipulación (l. 4), intuitivamente (l. 6), correspondente (l. 8), errática (l. 11), escapulirse (l. 12). Non son válidas as respostas só con sinónimos. [1 punto]

Por cada palabra ben definida concederanse 0,2 puntos.

Preténdese valorar que o/a alumno/a coñeza o significado que ten no texto a palabra indicada e que sexa quen de explicar este significado. Non é precisa unha definición lexicográfica rigorosa, mais non será válida a resposta cando só conteña sinónimos ou a tradución a outra lingua.

3. Redacta un texto sobre as posibilidades que teñen os xornalistas de ofreceren unha información obxectiva nos medios de comunicación. (extensión aprox. 200-250 palabras) [3 puntos]

Criterios de corrección: véxase opción 1.

4. Estabámolo pasando todos ben (l. 14): Segmenta os constituíntes morfolóxicos das palabras que integran esta oración e identifica o valor de cada un deles. [1 punto]

Est(a)/bá/mo/lo pas(a)/ndo tod/o/s ben (total: 10 ítems)

0.1 puntos por cada morfema correctamente segmentado e identificado. Se a identificación do valor non é correcta, 0.05 puntos. Non se considerará resposta completa indicar, p. ex., “ba: sufixo (ou morf. flex.) de tempo e modo”; debe especificarse: “sufixo (ou morf. flex.) de tempo e modo: pret. imperfecto de indicativo”. No caso dos verbos considerarase igualmente correcta a análise delimitando ou sen delimitar a vogal temática como morfema de seu (é dicir, est/a- ou esta-; pas/a- ou pasa-); en calquera caso puntuarase 0.1 por ítem.

5. Fíxate ben: Que xornais lía? (l. 4) e Tiña outras fontes de información? (l. 5-6) son oracións interrogativas de dúas clases distintas. Que diferenzas hai entre un e outro tipo de preguntas? [1 punto]

Espérase que identifique as diferenzas de forma e contido entre as chamadas interrogativas totais e parciais (ou polarizadas e non polarizadas). Máis que a precisión na terminoloxía con que se denominan, interesa a correcta presentación desas diferenzas. Asignarase un máx. de 0.5 puntos por cada interrogativa ben descrita. (V. NOTA FINAL)

6. Contesta unha destas dúas preguntas (escolle só unha; extensión aprox. 200-250 palabras). [1 punto]

a) Linguas minorizadas e linguas minoritarias. O galego: lingua en vías de normalización.

b) As funcións sociais da lingua. Conflito e diglosia. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos.

Criterios de corrección: véxase opción 1.

7. Contesta unha destas dúas preguntas (escolle só unha; extensión aprox. 400 palabras) [2 puntos]

a) A Nova Narrativa galega. Características, autores e obras representativas.

b) A poesía de vangarda. Características, autores e obras representativas.

Criterios de corrección: véxase opción 1.

 

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

En ambas as opcións, ademais dos contidos conceptuais tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global se poderá descontar ata un máximo de 2 puntos por erros. Estes poderán ser:

- Moi graves: Solucións alleas ó sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación dos clíticos...). Desconto 0,2 puntos c/u.

- Graves: Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica.... Desconto 0.1 c/u.

- Leves: Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Desconto 0.05 puntos c/u. Os castelanismos terán consideración, segundo os casos, de erros graves (ex. calle) ou leves (ex. peine)

Estas penalizacións non se aplicarán sobre a pregunta 3, xa que van incluídas na propia valoración da pregunta. ________________________________________________________________________________________________

NOTA: As preguntas nº 5 de ambas as opcións presentan dous tipos de orientación posible nas cuestións de gramática. A da opción 1 é unha análise sintáctica tradicional. Por contra, a da opción 2 ten unha orientación de gramática comunicativa / comprensiva, máis adecuada para a avaliación da capacidade de reflexión metalingüística.

No exame poderán formularse preguntas dun ou doutro tipo (e, obviamente, pode ser o caso de que nalgún exame non haxa ningunha pregunta de sintaxe!). Para orientación do profesorado, preséntanse a seguir exemplos de posibles tópicos gramaticais formulados desde esta orientación comunicativa, na liña do que aparece na opción 2 do modelo de exame:

• Comenta as diferenzas formais (/sintácticas) e de contido entre a seguinte parella: María leu o libro / O libro foi lido por María

• Comenta as diferenzas formais (/sintácticas) e decontido entre a seguinte parella: María comeu o queixo / María comeu no queixo

• Comenta as diferenzas formais (/sintácticas) e de contido entre as seguintes oracións: María é alta / María é a alta / María está alta

• Comenta as diferenzas de contido entre as variantes (a, b e c) que seguen. Refírete tanto aos verbos (estar, ir) como ás frases que aparecen tras eles. Que función dirías que desempeña cada unha delas? (María non puido vir porque…) a) está vella, b) vai vella, c) vai a un bautizo

Que tipo de resposta se espera? O que se demanda neste tipo de preguntas vén ser sempre a fin de contas un comentario de: a) as diferenzas formais / sintácticas entre exemplos dados e b) as diferenzas de contido que esas diferenzas formais expresan. Así, na primeira das opcións propostas (María leu o libro / O libro foi lido por María) espérase unha caracterización das activas fronte ás pasivas partindo das diferenzas formais (como son?) e chegando ás diferenzas funcionais ou de contido (que expresan?, para que se usan unhas e outras?). Concretamente:

—Caracterización formal: o CD da activa pasa a SU da pasiva; o SU da activa pasa a CAx da pasiva, con por (ou non aparece; cousa que non ocorre no exemplo); verbo coa forma “ser + participio”.

—Caracterización funcional: a voz como mecanismo para mudar a orientación comunicativa da mensaxe: dicimos María leu o libro cando estamos a falar de María; dicimos O libro foi lido por María cando do que falamos é do libro. (i. e., muda o Tema; non é estritamente necesario empregar o tecnicismo). [Tamén se podería aludir á pasiva como mecanismo para construír oracións impersoais, omitindo o CAx (O libro foi lido); pero como o exemplo dado non é impersoal, non sería unha información necesaria para considerar correcta a resposta]