Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Universidade da Coruña
Consellería de Educación

 

Historia da Filosofía
Historia da FilosofíaGrupo de traballoFichas curricularesEstruturaModelo de exameTextos

Pautas e Consideracións Xerais para o Corrección da Proba de Historia da Filosofía

Convocatorias de Xuño e Setembro de 2011

 

É ben sabido que unha materia como a HISTORIA DA FILOSOFÍA se presta a que un mesmo exame corrixido por distintas persoas poida obter notas moi dispares. A aceptación deste aserto require dúas matizacións: a) en maior ou menor grao a disparidade prodúcese en todas as materias; b) na nosa materia esa disparidade móvese en marxes estatisticamente razoables, o que non quita para que de cando en cando se produzan rechamantes desviacións da media. Como non se trata de lograr bos resultados estatísticos senón de facer xustiza, convén que poñamos os cinco sentidos para evitar tales desviacións, detrás das cales sempre hai persoas prexudicadas.

A nova proba esixe en por si un esforzo de adaptación; queremos aproveitar a circunstancia para introducir pautas de corrección que nos permitan ir corrixindo progresivamente as devanditas desviacións.

A experiencia habida en segundas correccións permítenos detectar algunhas das causas máis perceptibles que están detrás das desviacións.

1) Aínda que dende o curso pasado conseguimos reducilo significativamente, o número de exames por corrector segue a ser alto. Convén, en consecuencia, aproveitar ao máximo o tempo dispoñible. Unha corrección apresurada xera inevitablemente desviacións.

2) É a CIUG mesma a que nos insta a “iluminar” o exame. Por tal entenderemos que o corrector/a introduza mediante signos, subliñados e anotacións información que permita:

a) poñer en evidencia que o exame foi lido liña a liña e avaliado polo miúdo;

b) percibir de xeito claro e inequívoco o porqué da cualificación outorgada.

É o certo que nas segundas correccións os exames ben iluminados non acostuman experimentar variacións significativas na nota, é dicir: os exames atenta, metódica e minuciosamente corrixidos adoitan concitar consenso na cualificación.

3) Cada un de nós ten unha maneira particular de abordar e expoñer cada cuestión, cada corrente filosófica, cada autor etc. Hai unha marcada tendencia nalgúns correctores a tomar o seu propio enfoque como canon para a corrección. Isto debe ser evitado; e é fácil de evitar. Cada exame, ademais de informarnos sobre o grao de coñecemento e competencias do examinando deixa translucir o xeito en que tal cuestión, corrente, época, autor etc. lle foi explicada ao alumno. É aí onde deberemos buscar as referencias para avaliar o exame: xulguémolo polo Platón, Descartes, Kant, etc. que realmente lle explicaron, non polo que nós cremos que lle deberían ter explicado.

4) A corrección de “selectividade” non ten nada que ver coa avaliación dos alumnos nos centros. Alí avalíanse rendementos anuais dunha persoa coñecida; aquí avaliamos só un exame e, ademais, o noso traballo avaliador debe ser interpretado dun xeito ‘coral’. Hai correctores que esquecen isto e tenden a interpretar a súa actividade de avaliación como ‘solistas’, sen reparar en que, a diferenza do que sucede no centro, aquí non poden controlar o universo de cualificacións no que se vai inserir a súa. Só podemos axustar a nosa cualificación ao dito no exame, pero non podemos axustala en relación co resto dos exames. En efecto, non podemos saber se estamos a ser plenamente xustos, pero debemos querer selo (kantianamente) e procurar selo (ao xeito utilitarista) recorrendo á nosa pericia profesional para detectar as nosas tendencias ao exceso. Tanto os excesos de rigor coma o que vulgarmente se coñece como “manga ancha” deben ser evitados. Todos nós sabemos cando estamos a ser “moi estritos” ou “moi laxos”; tratemos de neutralizar ambas as dúas tendencias.

5) Last but not least: a cualificación de selectividade non é unha re-avaliación do alumno. A nota obtida no centro e a obtida na selectividade non son conmensurables; polo xa dito e porque, ademais, miden feitos distintos. Con independencia de onde estea o posto de traballo habitual de cada quen cando corriximos selectividade estamos a avaliar os alumnos dende o punto de vista da universidade. O noso punto de referencia é o nivel de coñecementos e madurez intelectual necesarios para abordar con solvencia calquera dos graos ou licenciaturas que poden cursar na universidade.