Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Universidade da Coruña
Consellería de Educación

 

Xeografía

Circular informativa

 

Ó establecerse un novo marco lexislativo, derivado da plena implantación da Lei Orgánica de Educación (LOE), que modifica parcialmente os currículos das materias de Bacharelato e o procedemento de acceso ás universidades, o Grupo de Traballo de Xeografía reuniuse o día 8 de xuño en Santiago, para estudar a nova normativa e tomar algunhas decisións ó respecto.

O Decreto 126/2008, de 19 de xuño, sobre “Ordenación e Currículo do Bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia” (DOG 23 de xuño de 2008) e, sobre todo, a Orde do 24 de xuño de 2008, pola que se desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de Bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 27 de xuño de 2008), derogatorio do Decreto 231/2002 do 6 de xuño, que establecía o currículo do Bacharelato na Comunidade Autónoma, deseñan o novo currículo de Xeografía. Malia que os cambios apreciados son parciais e de matiz, si deben terse en conta á hora de deseñarmos o novo modelo de exame para esta disciplina cara ó curso 2009-2010.

O Grupo decidiu que o exame desta materia debe responder ós contidos establecidos no currículo porque a finalidade que outorga o SUG a esta proba é comprobar as competencias e capacidades do alumnado para poder acceder ós estudos universitarios. O Real Decreto 1892/2008 de 14 de novembro, polo que se regulan as condicións para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de Grao e os procedementos de admisión ás universidades públicas españolas (BOE 24 de novembro de 2008), determina, no Capítulo II, Artigo 9, apartado 1, que o alumnado responderá “por escrito a unha serie de cuestións adecuadas ó tipo de coñecementos e capacidades que deban ser avaliados”.

No seu momento, enviarase unha circular cunhas orientacións desenvolvidas de forma máis exhaustiva. Nesta ocasión indicamos os bloques de coñecemento que se contemplan que, segundo a normativa, se cinguirán ó espazo da Península Ibérica, sen esquecermos a inserción no contexto europeo e mundial, tanto de España coma de Galicia:

  1. NATUREZA E MEDIO NATURAL EN ESPAÑA
  2. TERRITORIO E ACTIVIDADES ECONÓMICAS
  3. POBOACIÓN E URBANIZACIÓN
  4. A ORGANIZACIÓN POLÍTICO-ADMINISTRATIVA ESPAÑOLA, CONTRASTES E POLÍTICAS REXIONAIS
  5. ESPAÑA E EUROPA NO MUNDO (bloque transversal, con aspectos incluidos nos demais bloques)

Todo iso, sen esquecermos a aproximación ás ferramentas, ás fontes, ó modo de expresión e de representación cartográfica, ó uso das TIC, á síntese xeográfica, a intepretación das paisaxes…, aspectos que deberán estar presentes de forma transversal no desenvolvemento de todos os contidos da materia.

Por outra parte, o Grupo de Traballo considera, de acordo coa experiencia e as sondaxes que no seu momento se fixeron ó profesorado de Secundaria, que o modelo de exame vixente segue a ser o adecuado ós obxectivos xerais: demostrar a capacidade de orientación e localización; ser quen de definir correcta e coherentemente termos e conceptos; ser quen de construír e desenvolver un tema, utilizando o vocabulario xeográfico adecuado e as relacións espaciais correctamente; e ser capaz de interpretar e comentar razoadamente un documento gráfico ou cartográfico de carácter xeográfico.

O Grupo decide por unanimidade que a estrutura e a valoración de cada parte da proba debe responder ós seguintes criterios orientativos:

* PRIMEIRA PARTE: definición breve de cinco conceptos ou termos xeográficos, relacionados cos bloques de coñecemento orientativos. Puntuación máxima: 2

* SEGUNDA PARTE: exercicio de localización/identificación dunha serie de elementos xeográficos básicos, relacionados cos bloques de coñecemento orientativos, a partir dun documento de referencia. Puntuación máxima: 1

* TERCEIRA PARTE: desenvolvemento dunha cuestión referida ós temas principais dos bloques orientativos de coñecemento. Puntuación máxima: 3,5

* CUARTA PARTE: lectura, interpretación, explicación e análise crítica dun documento gráfico ou cartográfico relacionado cos bloques orientativos de habilidades e destrezas xeográficas fundamentais. Puntuación máxima: 3,5

Como se pode observar, o maior peso da valoración vén da organización e desenvolvemento correcto dun tema, así como de analizar e comentar adecuadamente un documento. Estes aspectos deberán merecer unha apropiada atención por parte do profesorado. Nos exames intentarase equilibrar os contidos referidos ós distintos bloques de coñecemento.