Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Universidade da Coruña
Consellería de Educación

 

Matemáticas aplicadas
ás Ciencias Sociais
Matem. aplicadasGrupo de traballoOrientaciónsModelo de exameInstruciónsCriterios de corrección

Circular informativa curso 2011-2012

 

Estimados/as compañeiros/as:

Como directora do Grupo de Traballo de Matemáticas Aplicadas ás Ciencias  So­ciais e no nome de todo o grupo, póñome en contacto con todos vós para vos saudar neste novo curso.

O novo Currículo de Bacharelato, así como as instrucións  da CIUG na liña  de homo­xeneizar os distintos modelos de exame das PAU, obrigou a facer algúns cambios na es­trutura do exame de Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais dende o curso 2009-10. Neste novo curso, 2011-2012, non se producirán novos cambios con respecto aos dous anos anteriores, e simplemente volvo recalcar un par de puntos que ter en conta:


­– En primeiro lugar debo sinalar que haberá o mesmo exame para os/as alumnos/as que elixan Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais como materia de modalidade na fase xeral que para aqueles/as que opten por examinarse desta materia na fase específica.

– En segundo lugar, o exame constará de dúas opcións (opción A e opción B) e cada estu­dante terá que elixir unha delas sen que poida mesturar exercicios dunha opción con exercicios da outra opción. Cada opción constará de catro exercicios: un de Álxebra (3 puntos), un de Análise (3 puntos) e dous de Probabilidade e Estatística (2 puntos cada un deles). Como xa se especifica nos “Criterios Xerais de Avaliación 2011-2012”  que figuran na páxina web da CIUG, sería conveniente que advertísedes aos/ás alum­nos/as que, se resolven exercicios das dúas opcións, só se ava­liarán os exercicios da opción que correspondan ao primeiro exercicio que responda o/a alumno/a.

Os “Contidos de Matemáticas Aplicadas as Ciencias Sociais”, desenvolvidos de acor­do coa nor­mativa vixente, e as “Orientacións do Grupo de Traballo ao novo DCB” coas que se intenta orientar sobre os coñecementos que se terán en conta na elabo­ra­ción do exame das PAAU 2011-2012 atópanse na citada páxina web da CIUG.

Os/As alumnos/as poderán utilizar as calculadoras científicas habituais non progra­ma­bles e sen capacidade gráfica. Todos os procesos conducentes á obtención de re­sul­ta­dos deben estar razoados, en caso contrario non serán valorados. Como norma xeral, debo insistir de novo en que é necesario que os/as alumnos/as  expliquen o razoamento se­guido na resolución dos exercicios.

Como xa se viña facendo en cursos anteriores, engadiremos na web da CIUG unha  Valoración xeral do nivel de coñecementos, un resumo das valoracións dos resultados de Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais das PAU do curso 2011-12 para que as teñades en conta a ser posi­ble e por se vos serven de referencia para suplir certas carencias que se ven reflec­tidas nas enquisas feitas polos correctores/as.

En Exames e criterios de avaliación das PAU 2011 recolleranse os exames de xuño e setembro, os criterios de avaliación e as solucións dos exercicios das PAU do curso 2011-12.

Só me queda poñerme á vosa disposición. Para calquera información que precisedes, así como pa­ra calquera suxestión que queirades facerme, non dubidedes en contactar comigo.
Recibide un cordial saúdo.



Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2011.