Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Universidade da Coruña
Consellería de Educación

 

Lingua estranxeira II: Inglés

Criterios específicos de corrección

 

1. Contido e puntuación da proba escrita:

Primeira pregunta: realización dun resumo dos puntos máis importantes do texto. Máximo 50 palabras (1 punto).
Segunda pregunta: require que o alumnado busque palabras ou grupos de palabras no texto que corresponden no seu significado a unha palabra ou definición dada no exame: "Find words or phrases in the text that correspond in meaning to the words and definitions given here" (0,25 x 4 = 1 punto)
Terceira pregunta: transformación dunha parte ou o total dunha frase tirada do texto noutras palabras para que signifique o mesmo. Constará de catro partes, cunha puntuación de 0,5 punto para cada parte (4 x 0.5 = 2 puntos).
Cuarta pregunta: dúas preguntas baseadas no tema do texto. As respostas deben demostrar que o alumno o entendeu correctamente. Constará de dúas partes, cunha puntuación de 1 punto para cada parte (2 x 1 = 2 puntos).
Quinta pregunta: unha pregunta acerca dun tema relacionado co tema do texto. A resposta, en forma de redacción, narrativa, carta ou doutro tipo, debe conter, aproximadamente, 120 palabras (3 puntos).
Sexta pregunta: proba de audición. Dez preguntas tipo “test” (multiple choice) acerca dun texto auditivo, cunha puntuación de 0,1 para cada resposta, facendo un total de 1 punto. (1 punto)

2. Terase en conta a comprensión, a expresión e a corrección escritas. Por unha parte, o corrector valorará se existe unha comprensión total ou parcial do texto por parte do alumno. Por outra parte, o corrector terá en conta a capacidade do alumno para se comunicar de forma efectiva (avaliación da súa competencia comunicativa), a coherencia e a ordenación lóxica na exposición das ideas, a riqueza do léxico, sen esquecer a expresión gramatical correcta (competencia lingüística) das respostas.

3. Se existise unha comprensión total do texto e unha expresión gramatical correcta, a puntuación será máxima, sempre que o alumno introduza elementos expresivos persoais dunha certa complexidade léxico-sintáctica.

4. Se existise unha comprensión total do texto, mais a expresión non fose gramaticalmente correcta, faranse as deducións oportunas que dependerán da gravidade da incorrección ou do erro. As deducións faranse, entón, axustándose á importancia cualitativa do erro e do número de erros que se cometan na mesma pregunta. A modo orientador, os erros de expresión básicos (faltas de concordancia, indebida ou inexacta orde de palabras, erros na formación de interrogativas ou negativas etc.) serán penalizados de forma considerable.

5. Se a comprensión for parcial, a puntuación máxima asignada á pregunta verase reducida de acordo coa gravidade da falta de comprensión.

6. Se non houber ningunha comprensión, a pregunta non pode ter ningún tipo de cualificación positiva.

7. Os erros ortográficos puntuaranse negativamente de acordo co seu número e importancia (serán máis graves en palabras básicas da lingua inglesa). Un erro repetido na mesma palabra só se penalizará unha vez.

8. Se se transcribise literalmente un fragmento do texto como resposta a todas ou a unha das preguntas, aínda que este fragmento estivese relacionado co contido da pregunta, valorarase cunha puntuación máxima do 50% do total atribuíble á puntuación correspondente a cada pregunta ou cuestión, así que debe interpretarse que non necesariamente a puntuación debe ser un 0,5.

9.Na quinta pregunta (proba de redacción) a nota final outorgarase segundo a medida na que o alumnado cumpra os seguintes parámetros:

  • a) Alcance: o alumnado aborda adecuadamente o tema proposto. Sabe comunicar as ideas que quere trasmitir utilizando unha considerable variedade de recursos. Sabe utilizar o rexistro lingüístico adecuado á situación.
  • b) Riqueza e control do vocabulario.
  • c) Corrección gramatical: O alumnado ten un repetorio básico de elementos lingüísticos e de estratéxias que lle permiten abordar o tema con comodidade. Non comete erros gramaticais básicos, como, por exemplo, omitir o suxeito diante dun verbo, omitir a -s da 3ª persoa do singular do Presente Habitual (he writeS), utilizar adxetivos en plural, usar incorrectamente os adxetivos posesivos e demostrativos, non dominar os Tempos Verbais e outros.
  • d) Fluidez: O alumnado posúe un dominio da lingua inglesa adecuado e suficiente para evitar cortes na comunicación ou malentendidos.
  • e) Cohesión: O alumnado é capaz de organizar as súas ideas para redactar un texto coherente e ben estruturado. Utiliza adecuadamente os conectores e demais medios de cohesión.

Cristina Larkin Galiñanes, Directora do Grupo de Traballo de Inglés