Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Universidade da Coruña
Consellería de Educación

 

Historia de España
Historia de EspañaGrupo de traballoOrientaciónsModelo de exame
Modelo de exame
 

OPCIÓN A

Estruturando libremente a redacción e referíndote explicitamente aos documentos presentados, debes integrar no teu comentario as seguintes cuestións relativas ao proceso desamortizador: a súa contextualización no marco da construción do Estado liberal, os seus obxectivos, os bens afectados polas vendas e os resultados ou balance. Lembra que non se trata de responder a preguntas illadas senón de realizar unha composición coherente e argumentada, e que na avaliación se terán en conta os coñecementos, a utilización dos documentos e a corrección da expresión escrita.

Doc.1.-Desamortización de Mendizábal (1836):
                “Señora: vender a masa de bens que viñeron ser propiedade da nación non é tan só cumprir unha promesa solemne e dar garantía positiva á débeda nacional por medio dunha amortización exactamente igual ao produto das rendas; é abrir unha fonte abundantísima de felicidade pública, vivificar unha riqueza morta, desobstruír as canles da industria e da circulación, apegar ao país polo amor natural e vehemente a todo o propio, anchear a patria, crear novos e firmes vínculos que liguen a ela; é, en fin, identificar co trono excelso a Isabel II, símbolo da orde e da liberdade (...), crear una copiosa familia de propietarios (...).
                Art. 1. Quedan declarados en venda desde agora todos os bens raíces de calquera clase que pertencesen ás comunidades e corporacións relixiosas extinguidas”.

Doc.2.-Desamortización de Espartero (1841):
                “Art. 1. Todas as propiedades do clero secular (...) son bens nacionais (...).
                Art. 3. Decláranse en venda todas as fincas, dereitos e accións do clero catedral, colexial, parroquial, fábricas das igrexas e confrarías”.

Doc.3.-Desamortización de Madoz (1855):
                “Art. 1. Decláranse en estado de venda (...) todos os predios rústicos e urbanos, censos e foros pertencentes:
                Ao Estado. Ao clero. Ás Ordes Militares (...). Ás confrarías, obras pías e santuarios (...). Aos propios e comúns das vilas. Á beneficencia. Á instrución pública e calquera outros pertencentes a mans mortas xa estean ou non mandados vender por leis anteriores”.

Doc.4.-O xurista e historiador Francisco Tomás y Valiente valora así a desamortización:
                “En suma: que a desamortización municipal se cadra non debeu facerse e que a de bens eclesiásticos e outras “mans mortas” non debeu facerse como se fixo. Pero toda a burguesía, mesmo a de esquerdas, quixo desamortizar, e por conseguinte a desamortización foi un feito consumado (...).
                Tamén considero innegable que o sistema desamortizador preferible en función do logro duns beneficios xerais non debeu ser o de Mendizábal e Madoz (isto é, o do partido progresista) senón o aconsellado no seu día por Flórez Estrada (...). Este era o único capaz de facilitar a creación dunha clase media rural de pequenos propietarios, coa que se estabilizaría no noso país o réxime liberal e se enchería o baleiro entre o latifundista e o braceiro”.

Doc.5.-O historiador Josep Fontana exprésase do xeito seguinte:
                “¿Para que serviu a desamortización? Desde o punto de vista do goberno a resposta é relativamente sinxela. Na etapa de Mendizábal, para salvalo da bancarrota e axudarlle a gañar a guerra civil. Na da chamada lei Madoz, para financiar a construción da rede ferroviaria. Penso que a medida exacta en que estas vendas redundaron en proveito do Estado non debe minimizarse”.

 

OPCIÓN B

Tendo en conta os seguintes documentos, aos que tes que referirte ao longo da túa exposición, debes elaborar unha redacción sobre a ditadura do xeneral Primo de Rivera, tratando as seguintes cuestións: as circunstancias nas que se produce e triúnfa o golpe de Estado, as evolucións política e económica, e a caída do ditador, que pronto arrastrará á propia monarquía. Lembra que non se trata de responder a preguntas illadas senón de realizar unha composición coherente e argumentada, e que na avaliación se terán en conta os coñecementos, a utilización dos documentos e a corrección da expresión escrita.

Doc.1 .-Manifesto do xeneral Primo de Rivera (13 de setembro de 1923):
                “Españois: chegou para nós o momento máis temido que agardado (...) de atender o clamoroso requirimento de cantos amando a Patria non ven para ela outra salvación que liberala dos profesionais da política, dos que por unha ou outra razón nos ofrecen o cadro de desventura e inmoralidades que comezaron no ano 98 e ameazan a España cunha próxima fin tráxica e deshonrosa (...).
                Non vimos a chorar mágoas e vergoñas senón a poñerlles axiña radical remedio, para o que requirimos o concurso de todos os bos cidadáns. Para iso (...) constituirase en Madrid un Directorio Militar con carácter provisorio encargado de manter a orde pública (...)”.
Doc. 2.-Proposta de Primo de Rivera a Alfonso XIII para substituír o Directorio Militar por un Directorio Civil (1925):
                “En suma, señor, para expoñer o meu pensamento clara e sinceramente, o que propoño a V. M. é a substitución dunha ditadura militar por outra civil e de organización máis axeitada, pero non menos vigorosa. E atrévome propoñelo así, recollendo a arela popular, que só teme do cambio de goberno que se debiliten os resortes do mando que foron carácter do Directorio Militar, do que a vida, como xenuína representación do exército e da mariña, que tan patrioticamente ofreceron o prestixio dos seus nomes corporativos a este arriscado labor, non debe levarse a momento de desgaste ou de quebranto; nin tampouco debe subtraerse por máis tempo ao país, na súa representación civil, que é a axeitada e tan manifestamente está da nosa parte, a participación e a responsabilidade na obra de reconstituílo e reeducalo administrativa e politicamente”.
Doc. 3.-José Calvo Sotelo, na súa obra Mis servicios a España (1931), expón e defende as que foran liñas mestras da actuación económica da Ditadura:
                “As ditaduras propenden fatalmente ao intervencionismo. O seu omnímodo poder é incompatible coa inhibición (...). O intervencionismo de Primo de Rivera abrangueu a agricultura, a industria, o mesmo comercio (...). Primo de Rivera profesou un entusiasta nacionalismo económico que eu compartín co máis caloroso fervor. Pero o noso nacionalismo mantívose dentro de correctísimos límites. En opinión do xeneral, España debía nacionalizar unicamente: a) as industrias para as que a primeira materia se obtén no noso territorio; b) as que dentro do ámbito nacional de consumo poden achar mercado suficiente de vida; c) as indispensables para asegurar a nosa independencia política nacional”.
Doc. 4.-Incremento da produción en España en diversos sectores, 1922-1930:

1922

1930

Mineira e industrial (base 1906/13=100)

84,7

144

Enerxía eléctrica (millóns de Kw.)

1.040

2.609

Aceiro (toneladas)

326.136

953.673

Cemento (toneladas)

729.035

1.820.011

Doc. 5.-Rematada a ditadura, Ángel Ossorio, que sería deputado nas Cortes republicanas, opina así sobre a situación de España:
                “E despois de seis anos longos de ditadura, ¿que queda en España? (...) Roto o exército con múltiples sublevacións sucesivas (...); rota a universidade, coas aulas pechadas (...); rota Facenda, coa moeda derrubada (...); rota a Xustiza (...).
                Todas as forzas lexítimas, rotas; pero, en troques, intactas todas as forzas nocivas (...): o caciquismo en pé, as súas falanxes unidas; o sindicalismo revolucionario, latente e prevido; os extremismos nacionalistas, máis esaxerados que antes; nin un só dos elementos da patoloxía nacional quedaron suprimidos ou atenuados”.