Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Universidade da Coruña
Consellería de Educación

 

Grego II
Grego IIGrupo de traballoModelo de exame

GREGO II

Probas de Acceso á Universidade
Programación do curso

PROBAS DE ACCESO: CONTIDOS

A experiencia do crecemento notable dos alumnos que escolleron GREGO I e II no bacharelato e os resultados estatisticamente satisfactorios das PAAU aconsellan manter sen cambios a programación vixente das devanditas probas.

Por conseguinte, mantéñense as dúas opcións:

Opción A- XENOFONTE
Opción B – PLATÓN

e en ningún caso haberá probas con textos doutros autores.

Como sempre, será posible para profesor e alumnos traballaren nunha soa opción ó longo de todo o curso, pois a proba terá sempre as dúas opcións. Na liña que seguimos desde hai anos, atenderemos sempre a buscar textos fáciles e claros na súa sintaxe e con sentido completo na súa brevidade, de xeito que o alumnado non teña que facer sobreentendidos nin se sinta desorientado. Tamén seguiremos na tradición de que as preguntas se ateñan sempre ó texto.

Nin en Xenofonte nin en Platón hai selección ou preferencia previa de obras, pero parece lóxico que Helénicas, Anábase e Ciropedia sexan as máis frecuentadas para Xenofonte, mentres para Platón a tradición de acudir ós primeiros diálogos (Apoloxía de Sócrates, Critón, Fedón ...) pode ser compatible con tocar outros, por exemplo, os textos en que se expoñen os mitos.

O texto a traducir nas PAAU terá unha extensión máxima de tres liñas e para a cualificación desta tradución resérvanse sete (7) dos dez (10) puntos.

Os tres (3) puntos restantes do total da cualificación repartiranse entre:

1) Un máximo de dous (2) puntos dos dez (10) puntos da cualificación total para a resposta a dúas preguntas que o alumno elixirá entre catro ás que dará pé o texto da tradución e, seguindo na experiencia das probas dos últimos anos, serán preguntas sobre puntos de análise morfolóxica ou de análise sintáctica de elementos presentes nese texto; tamén pode haber preguntas sobre palabras do texto que, elas mesmas ou con formas derivadas ou compostas, perviven -son os chamados helenismos- nas linguas castelá e galega, especialmente nos niveis cultos, nas terminoloxías científicas e técnicas; por último, unha destas catro preguntas pode ser sobre o autor e o texto que se traduce: xénero, época, contido, etc.

2) Un máximo de un (1) punto dos dez (10) da cualificación total para a resposta a unha pregunta que o alumno elixirá entre dúas relativas ás obras literarias que tivo que ler. Mais abaixo repetimos a lista destas obras de lectura obrigada.

Seguen vixentes os criterios de que na corrección das traducións terán a mesma consideración os erros tanto de sintaxe e de morfoloxía como de vocabulario en canto anulen ou danen o contido correcto. Na tradución e na resposta ás preguntas valoraranse corrección e soltura sintáctica e léxica, ademais da corrección ortográfica, que mellor fose non ter nin que aludir.

Segue vixente que non é válido responder unha opción mesturándolle respostas a preguntas da outra opción. Os exames en branco terán cero (0) puntos.

NOTA SOBRE A PROGRAMACIÓN DOS CURSOS

Ó xa dito sobre as opcións de autores que se van traducir, A Xenofonte e B Platón, engadimos que no apartado de obras literarias, que, previa unha presentación polo profesor, o alumno debe ler e que nas paau serán contido da pregunta nº 4, de resposta obrigatoria e non optativa, a lista é: a) Homero, Ilíada, cantos I, VI, XVI, XXII, que condensan ben o argumento, ambiente e espírito da obra; b) os fragmentos dos poetas líricos Safo, Alceo e Arquíloco; c) Sófocles, Edipo Rei; d) Aristófanes, Asembleístas (obra tamén coñecida como Asemblea das mulleres).

Cada un dos profesores sabe ben o que cómpre ou é posible facer nas condicións en que traballa, os criterios con que pode facer selección e xerarquía dos contidos que presenta ós seus alumnos, os obxectivos que considera mellores ou alcanzables segundo sexan os niveis e as actitudes dos alumnos etc. etc., e seríanos difícil, mesmo impertinente, deitar consellos desde a experiencia que non temos: aínda así, o coordinador atrévese a insistir en que grego i e ii emparellen como obxectivos principais o de coñecer a lingua co de ter unha boa perspectiva da Cultura, na que os alumnos deben ver unha das súas raíces. Non están os tempos -nin o nivel de ensino en que andamos- para facermos do coñecemento da lingua a chave sine qua non do coñecemento da Cultura, pero tampouco non é cousa de esquecer que hai... ou pode haber... alumnos que, con vocación de facer Filoloxía Clásica, tamén outras Filoloxías e Lingüísticas varias, Historia, Arte..., poidan ter interese en iniciarse seriamente na lingua grega antiga e nos seus textos. Habería que dar co equilibrio entre non programar nin exixir o imposible e non facer de grego i e ii unha anécdota marxinal.

Outro punto de interese é que o dicionario, con mala fama en certos ambientes e métodos, parece absolutamente necesario para que o alumnado adquira desde o primeiro momento o vocabulario básico; pero tamén se observa na corrección das traducións que o dicionario pode ser un buraco negro no que o alumno se perde, unhas veces porque vai dar no máis raro e marxinal, outras veces porque, sen ter criterio gramatical, vai dar no primeiro que se pareza ó que o texto ten.

Sería bo que nas análises morfolóxica e sintáctica se fale en termos tradicionais e claros e ¡por favor! que o alumnado non se limite no folio da proba a unha silveira de raias e abreviaturas que non é fácil de entender nin cualificar. Ademais, o ton declarativo ou aseverativo dos textos que se traducen aconsella insistir na análise sintáctica nos termos lóxicos mais tradicionais, por exemplo, suxeito, verbo e predicado, complemento directo / indirecto /circunstancial, oración independente / principal / subordinada etc.

Sería bo na nosa materia e no seu impacto social que os “clásicos” enriquecesen o léxico castelán / galego actual dos alumnos e lles desen unha boa base nos helenismos e no que estes significan en todas as terminoloxías das distintas ciencias e técnicas. Non sería mal balance para os filólogos clásicos que os nosos alumnos tamén saísen filó-logos, ‘amigos da palabra’.

No referente á presentación da experiencia histórica e cultural na que temos unha parte das nosas raíces e, xa que logo, algo ou moito que aprender, haberá que insistir tanto nos puntos en que esa experiencia acadou niveis aceptables, mesmo vixentes, coma nos que estivo moi lonxe de ser progreso e modelo: son cuestións de interese, democracia, imperialismo, belicismo e pacifismo, desprezo dos bárbaros, situacións marxinais de mulleres, estranxeiros e escravos, posición do filósofo e do intelectual ante os problemas políticos, movementos de ilustración e crítica racionalista, crise da polis e apertura ó Helenismo etc. Obviamente, algunha destas cuestións pode ter presenza nas paau nalgunha das preguntas que deriven do texto que se vai traducir ou do apartado de obras de lectura obrigatoria.

Todas estas instrucións de programación do curso e de contidos e cualificación das probas finais están abertas ás suxestións e críticas que os profesores teñan a amabilidade de facer chegar á coordinadora María José García Blanco, e-mail: mariajose.garcia.blanco@usc.es, teléfono 881 81 18 85, e despacho 420, Facultade de Filoloxía, Avda. Castelao, 15782 Santiago.