Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Universidade da Coruña
Consellería de Educación

 

Historia da Filosofía
Historia da FilosofíaGrupo de traballoFichas curricularesEstruturaModelo de exameTextos
Circular informativa (2010)

 

Estimados/as colegas:

  • Con vistas ao próximo curso introducimos os seguintes cambios en relación co exame.
  • A Combinatoria entre as dúas opcións de exame queda establecida así:A combinatoria entre as dúas opcións de exame queda establecida así:

Opción A: Fichas Curriculares 1,2, 4 e 5
Opción B: Fichas Curriculares 1,2,3,4,5,6,7.

  • A distribución da cualificación entre as diferentes cuestións queda establecida así:

1: Contexto: 2,5 ptos. Contexto xeral: 1,25 ptos.
           Cuestión contextual; 1,25 ptos.
2: Temática: 6 ptos. Na avaliación terase en conta a suxeición á cuestión temática e a           comprensión do texto.
3: Relación: 1,5 ptos. Tendo en conta as posibilidades que se indican nas fichas curriculares.


A redistribución da cualificación faise para favorecer a adaptación; en todo caso non muda a concepción da proba.

  • Con vistas ao próximo curso non hai cambio ningún relativo ás Fichas Curriculares nin á selección de textos.
  • Partindo dunha básica estabilidade, con vistas a ulteriores convocatorias queda aberta a posibilidade de introducir cambios. A tal efecto o Grupo de Traballo tomará en consideración as propostas que lle cheguen argumentadas, presentadas por persoas concretas e formuladas en termos claros e positivos. Cando as propostas se refiran aos textos é necesario que se nos indique con precisión o texto que se queira introducir e, en caso de dispoñer dela, a tradución directa ao galego

 

CONSIDERACIÓNS RELATIVAS AO PROCESO DE AVALIACIÓN E Á COMPRENSIÓN DA PROBA

A seguir, en atención ás diversas comunicacións recibidas nos últimos meses facemos algunhas consideracións relativas ao proceso de avaliación e á comprensión da proba. Pensamos que conviña agardar á culminación do proceso (convocatoria de setembro) para dispoñer de todos os elementos de xuízo que nos permitiran tirar conclusións cara á consolidación e perfeccionamento da nova proba.

A necesidade de dar resposta a todas as cuestións que se nos formulan obríganos a ser prolixos.

 

  1. En relación ao proceso de avaliación e o resultado das probas:

Con respecto ás diferenzas entre as notas de selectividade e as notas dos centros: o fin das probas de selectividade é, precisamente, completar a avaliación dos estudantes que aspiren a entrar na universidade con outra cualificación distinta da que xa recibiron nos centros. Trátase de dúas cualificacións distintas e complementarias. O/a profesor/a do centro avalía o/a alumno/a; a nota de selectividade cualifica un exame anónimo. As diferenzas non deben ser interpretadas como incongruencias. Así e todo esas diferenzas posúen significación e debemos tratar de interpretalas.

Polo que atinxe ao proceso de cualificación de selectividade sempre hai aspectos nos que se pode mellorar. En todo caso hai que dicir que os mecanismos de segunda corrección e reclamación resultan bastante eficaces para corrixir os eventuais desequilibrios que se poidan producir na primeira corrección. Isto non quita para que sempre  procuremos depurar e harmonizar a técnica de avaliación, pois o desexable é minimizar os desequilibrios entre os/as distintos/as correctores/as.

Na maioría das mensaxes relativas a esta cuestión utilízase o pronome “vós” para referirse aos correctores, representados así como presuntamente “outros” verbo dos profesores de secundaria. Na convocatoria de xuño de 2010 a Comisión de Avaliación estaba composta por cincuenta persoas, das cales unicamente tres eramos profesores de universidade. Estamos a falar dun conxunto de profesores e profesoras que pola súa dimensión –máis do 10% do total de profesores de filosofía de Galicia– e polo aleatorio da súa elección pode ser considerado como moi representativo do profesorado de filosofía de secundaria. Así como as cualificacións son esencialmente distintas, os correctores son os mesmos.

Parece evidente que as diferenzas entre a avaliación de bacharelato –avaliación a un alumno no contexto dun determinado grupo e un determinado centro– e a de selectividade – avaliación dun exame anónimo propicia dous modos de cualificar radicalmente distintos por parte dos mesmos correctores.

De maneira que “vós” somos nós. E todos nós podemos, en efecto, mellorar. O alumno debe estar preparado e disposto para ser avaliado de maneira distinta a como o foi no centro; debe dispoñer non só de coñecementos, senón tamén de técnicas para facer un exame que reflicta o seus coñecementos e a súa formación. Pola nosa banda os correctores de selectividade deberemos facer un esforzo para ler os exames dunha maneira harmónica e predicible por parte dos examinandos. Estamos tratando de detectar os factores que poden propiciar desviacións nas notas. A estes efectos distribuímos entre os correctores unhas “PAUTAS DE CORRECCION” que vos axuntamos.

 


  1. En relación á proba:

Nos exames púxose de manifesto unha insuficiente adaptación á nova normativa. A dobre mudanza (novo currículo e nova proba de selectividade) foi de certo forte e abrupta e segue a reclamar un esforzo de adaptación por parte de todos/as. Neste senso e compendiando as respostas ás diversas que cuestións e interpelacións que nos facedes chegar, con vistas ao próximo curso consideramos relevante insistir sobre algunhas características da nova proba e na necesidade de romper con certas inercias.

En moitos exames ponse en evidencia que o/a alumno/a foi preparado/a en “autores” tratados dende un punto de vista case exclusivamente doutrinal dándose o caso de alumnos/as que desenvolven con rechamante amplitude aspectos de tal ou cal autor que non están recollidos no actual currículo. Resulta esencial que os autores se aborden nos termos que fixa o currículo e no contexto da época na que están inseridos. Convén que os alumnos comprendan aos autores dentro das épocas, nos termos que sinala o currículo.

A Historia da Filosofía resulta obviamente incomprensible como mera sucesión cronolóxica de autores. A vella proba non é que fora distinta da actual, e que propiamente non era unha proba de “Historia da Filosofía”, senón unha proba de “composición de texto”. Tal como estaba concibida propiciaba que a preparación da proba consistira en estudar uns cantos autores (Platón e Aristóteles e, habitualmente, dous ou tres máis). A nova normativa imponnos un cambio radical que require un ineludible esforzo de adaptación e distanciamento verbo da proba anterior.

Cómpre poñermos en primeiro plano a época e cultivar a conciencia da época, de aí que a primeira cuestión faga referencia ao contexto. Aínda que no curso pasado a preocupación recaeu sobre a terceira cuestión (relacional), é na pregunta contextual onde se fan máis perceptibles os problemas e onde con máis urxencia cómpre actuarmos.

Por “contexto” non entendemos un conxunto de coñecementos que deba ser agregado á exposición doutrinal da filosofía de tal ou cal autor, senón aqueles aspectos esenciais para a comprensión da Historia da Filosofía que non son redutibles ao pensamento de tal o cal autor. O contexto do que estamos a falar non é unha cuestión engadida, senón que apunta directamente a aspectos esenciais e imprescindibles para a comprensión dos problemas que indica o currículo e, tal como se formula na nosa proba, está intimamente ligada á cuestión temática. Non esquezamos que aínda que se poidan expoñer por separado as tres cuestións que se formulan no noso modelo de exame están concibidas para que poidan ser respondidas nunha composición unitaria. Se dende os autores se quere ver, trátase nada máis que de articular didacticamente os implícitos contextuais dese autor, aqueles aspectos sen os cales o pensamento de tal ou cal autor resulta incomprensible.

Así parece  prescribilo o Decreto 126/2008 (p. 12.206) cando di : “A cronoloxía por períodos obedece á necesidade de contextualizar cada autor e cada tema nun momento histórico determinado, cuns condicionantes sociais, económicos, políticos e culturais que lle dan sentido e serven de medida da súa relevancia. O coñecemento da filosofía vai, pois, da man do coñecemento da sociedade e da historia. As ideas filosoficamente relevantes non son opinións casuais senón que aparecen para formular claramente e dar algún tipo de solución aos problemas teóricos e prácticos que se lles presentaron a seres humanos concretos”. [letras grosas nosas]

Se varias das cuestións temáticas que temos que abordar teñen que ver co problema da polis en Platón e Aristóteles, parece necesario que os/as alumnos/as partan dunha comprensión elemental do que é e o que significa a polis, de cómo era o mundo, cal era a situación real na que eses autores vivían. Falamos naturalmente dun tratamento destes aspectos ao mesmo nivel,  no mesmo marco explicativo en que abordamos a doutrina e aténdonos estritamente ás esixencias expositivas do currículo. Nunha das opcións do exame de setembro os/as alumnos/as tiñan que responder a tres cuestións formuladas a partir dun texto de Política de Aristóteles. A resposta á primeira parte da primeira cuestión do exame (contexto xeral) respóndese en íntima conexión coa cuestión temática. Ao falar de Aristóteles o propio é empezar por situalo. E así parecen comprendelo os alumnos que maioritariamente empezan por indicar o século en que viviu Aristóteles. Mais, ¿que valor ten que un alumno saiba que Aristóteles viviu no século IV a.C., se non dispón dunha mínima articulación da época de Grecia que lle permita outorgar significado histórico ao dato cronolóxico, é dicir, se non distingue cando menos entre “época arcaica”, “época clásica” e “helenismo”?  Por outra banda e para o caso do  exame concreto que estamos a comentar, se se trata de ler o texto de Política I 1253a5-a38 e expoñer “a idea de cidadán en Aristóteles: a idea de polis e a condición de cidadán” resulta imprescindible posuír unha elemental noción sobre a polis en xeral e o seu significado. Noción dende a cal resulta particularmente doada a comprensión do “tránsito ao mundo helenístico”, do mesmo xeito que dende a comprensión do helenismo se afianza a comprensión da politeia, que é en realidade un dos tres grandes temas do curso (politeia, cristianismo, modernidade).

En suma, o tratamento da cuestión contextual non significa engadir nada á cuestión temática. O que o novo currículo e a nova proba esixen é reestruturar a materia. A proba está confeccionada aténdonos á nova normativa; a súa preparación só e posible dende unha exposición da “Historia da Filosofía” acomodada ao currículo. Pero a proba non comporta de seu un incremento neto no que se refire á ‘cantidade de coñecementos’ requiridos, sempre e cando circunscribamos o tratamento doutrinal dos autores ás cuestións temáticas que indica o currículo. Contrastemos estas cos tópicos en que no vello currículo se despregaban os pensamentos dos autores concernidos e comprobaremos que, ademais de racionalización, o novo currículo tamén comporta unha significativa redución temática.

Nalgúns casos as cuestións contextuais serven para recoller aspectos do currículo que non aparecen incluídos entre as cuestións temáticas. Con referencia a Grecia, por exemplo, as cuestións relativas á filosofía arcaica e á filosofía helenística aparecen recollidas dentro das cuestións contextuais, do que se desprende que non deben ter subordinado ás cuestións temáticas; que os autores e correntes deses períodos serán tocados de maneira moito máis superficial e esquemática e sempre dentro do elemental “marco histórico e conceptual” construído a partir das esixencias hermenéuticas das cuestións temáticas. O cal, insisto, non significa que haxa que traballar o contexto a partir do autor, senón que hai que partir da exposición de cada época e ver a cada autor inserido nela, respondendo a problemas que nacen e se configuran na época. Esta é a liña expositiva sobre a que cobra sentido o currículo.

Obrando así, o estudo da época e o do autor poténcianse mutuamente, e constrúese a liña narrativa que permite, a medida que avanzamos na exposición, introducir as consideracións de relacións, non como algo sobreposto senón como elementos constitutivos da exposición.  Evidentemente non estamos a requirir dos/das alumnos/as ningunha profunda consideración de historia interna: unicamente han de dispoñer de elementos mínimos que lles permitan captar a unidade temática da materia que están a estudar nos termos precisos que a normativa establece. Recordemos de novo o Decreto126/2008 (p. 12.206): “Contextualizar por períodos non vai en detrimento da unidade que percorre toda a historia da filosofía, pois ao tempo que cada autor é interlocutor do seu contexto, realiza tamén un diálogo con outros autores pasados e futuros que se enfrontaron a problemas similares e en relación cos que manifesta a súa débeda ou a súa crítica”. [letras grosas nosas]

En consecuencia, tampouco as cuestións de relacionar comportan engadir nada á materia. Trátase de que o alumno perciba con claridade que as cuestións filosóficas que se lle expoñen se esclarecen no marco da historia; que os autores e as correntes se explican entre si. A cuestión da polis e a cidadanía pode permanecer viva ao longo do curso. Abonda con facer explícito e subliñar na exposición dos sucesivos autores as conexións máis obvias e elementais cos problemas tratados noutros autores; pero non como algo agregado senón como parte da exposición. Isto significa que cando esteamos tratando a Kant volvemos a pensar a Aristóteles e que repensando a Aristóteles dende Kant, este gaña claridade. O cal non significa, obviamente, facer un tema da relación interna Aristóteles-Kant, senón que, cando esteamos a tratar, por exemplo, os problemas da “ética kantiana”, vexamos unha boa ocasión para recapitular, por exemplo, os problemas da ‘ética en Aristóteles’. Así pois para que os/as alumnos/as poidan captar as relacións ás que fai referencia a terceira cuestión non cómpre engadir ningún tema ao programa nin precisamos esforzo complementario de ningunha caste; trátase outra vez de reestruturar as explicacións para darlle un xenuíno carácter histórico.

Das fichas curriculares tírase unha articulación do currículo en tres grandes marcos problemáticos: Grecia –a politeia–, o cristianismo e a modernidade. “Grecia” e a “modernidade” configuran á súa vez as dúas grandes épocas nas que se articula a dialéctica interna da “historia da filosofía”, actuando o cristianismo como esencial fío condutor. Isto significa que o medievo fica compendiado case exclusivamente na cuestión “fe-razón”, porque o esencial é que os/as estudantes capten o significado do cristianismo: a súa xénese no helenismo, a súa plenitude medieval –“a cristiandade”– e “a reforma” como un dos fenómenos nucleares na xénese da modernidade.

E isto resulta relevante para conter a referencia de Agostiño de Hipona e Tomé de Aquino nos estritos termos que sinala o currículo, con especial mención da cuestión “razón-fe”. De maneira que, consonte a estrutura do currículo, a Ficha Curricular 3, sendo imprescindible para manter a consistencia do relato, debe ocupar en termos relativos pouco tempo, pois o seu peso específico dende o punto de vista doutrinal é relativamente pequeno.

Para a abordaxe das Fichas Curriculares 4 e 5 cómpre facermos énfase dúas esixencias: a) elaboración das nocións ineludibles para articular problematicamente a época; Renacemento, humanismo, Reforma, ciencia moderna, Ilustración... son os exemplos claros; b) tratamento dos autores circunscrito aos termos do currículo, termos consonte os cales calquera dos autores concernidos require un tratamento moito menor do que esixía a vella proba.

A partir destas consideracións creo que a proba resulta perfectamente superable para calquera alumno/a que estea en condicións de enfrontar un grao universitario. As fichas articulan o relato histórico da filosofía occidental de xeito que resulte abordable no curso de segundo. Comprendemos que o tránsito á nova proba supón un esforzo suplementario para todos –incluído este Grupo de Traballo–, pero trátase dun esforzo ineludible.

Por outra banda creo que esa reestruturación debe afectar á articulación da “Historia da Filosofía” coa “Filosofía e cidadanía” de primeiro. A proba de selectividade está directamente referida á materia de segundo, pero tal e como está formulada no Decreto 126/2008 a “Historia da Filosofía” “retoma a reflexión iniciada polo alumnado coa filosofía e cidadanía, dotándoa dun carácter sistemático e diacrónico” (p. 12.206). Pola súa banda ó currículo de “Filosofía e cidadanía” formula un dobre obxectivo –“por unha parte, pretende ser unha introdución á filosofía e ao estilo de reflexión que esta comporta; por outra, proponse culminar a educación para a cidadanía que se desenvolveu ao longo da ensinanza secundaria obrigatoria”– e ao mesmo tempo enuncia un dobre carácter: terminal e propedéutico. “Terminal porque culmina o proceso de educación para a cidadanía. Propedéutico porque achega por primeira vez un catálogo de problemas filosóficos básicos nos que se afondará; e esta iniciación deberá preparar para un posterior desenvolvemento en maior amplitude e profundidade -e en perspectiva diacrónica- destas e doutras problemáticas filosóficas, tal como se propón na materia de historia da filosofía do curso seguinte” (p. 12.200).  [letras grosas miñas]

En definitiva, a problemática da “Historia da Filosofía” está xa “introducida” na “Filosofía e cidadanía” de primeiro. Isto significa que boa parte dos problemas que se tratarán en segundo poden e deben ser anticipados en “Filosofía e cidadanía” que, xa que logo, deber ser programada e desenvolta de xeito efectivamente propedéutico, introducindo os/as estudantes en problemas que en segundo serán obxecto dun tratamento estritamente historiográfico. Así, aínda que a formulación das cuestións da proba de selectividade se circunscribe ao currículo de segundo, a preparación da proba, consonte o mencionado Decreto parece corresponder a ambos os cursos.

 

Rafael Martínez Castro
Santiago de Compostela, outubro de 2010.


A título de exemplo e como mera suxestión quero chamar a atención sobre un texto que inclúe unha magnífica exposición sintética de Grecia que me serve a min para exemplificar e lle pode servir a calquera como base para extraer del elementos para unha exposición do contexto orixinal da filosofía. Estoume a referir a un libro de lingua grega, da editorial Santillana, titulado así: Griego, e do que son autores Carlos García Gual, J.M. Lucas e Concepción Morales Entre as páxinas 173 e 242 inclúe un espléndido apéndice titulado “Grecia y su legado”, que vai máis alá do estritamente necesario do requirido para a nosa exposición, pero que contén algunhas páxinas de directa aplicación.