Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Universidade da Coruña
Consellería de Educación

 

Artes Escénicas
Artes EscénicasGrupo de traballoOrientacións

Orientacións

 

Introdución.

As artes escénicas como o teatro, o circo, a danza, a ópera e outras de creación máis recente, como a performance, constitúen manifestacións artísticas e socioculturais que se caracterizan tanto polos procesos comunicativos singulares que promoven, como polo feito de que se materializan na escena, a través da integración e da síntese doutras expresións artísticas, desde as literarias ata as plásticas. A teatralidade, como elemento diferenciador do feito escénico, presenta formas moi diversas. Está presente na danza popular, nunha comedia rural ou nas propostas máis recentes de presentación escénica, sen esquecer outras manifestacións cun carácter máis tradicional. Así acontece con moitas festas e celebracións populares en que se adoita facer uso, de forma explícita ou implícita, de recursos e ferramentas expresivas propias do teatro, do canto ou da danza. Trátase de feitos que se poden documentar en moitas festas que aínda hoxe se celebran en diversos puntos da comunidade galega, como acontece no Entroido, nos Maios, na Semana Santa e noutras manifestacións, ora cunha dimensión máis ritual ora máis festeira.

A materia denominada Artes Escénicas proponse como unha ferramenta relevante na formación integral do ser humano, pois non só se ocupa do estudo das variadas manifestacións da teatralidade, senón que tamén permite que mozas e mozos poidan desenvolver competencias comunicativas, sociais, expresivas, creativas ou as relacionadas coa resolución de problemas e coa autonomía persoal, estimulando a súa interacción co medio e garantindo, en consecuencia, o logro das finalidades formativas e propedéuticas asignadas a esta etapa. Así, como resultado das aprendizaxes realizadas nesta materia, o alumnado deberá saber como expresar, comunicar ou recibir pensamentos, emocións, sentimentos e ideas, propias ou alleas, mediante o uso das máis variadas técnicas e por medio de destrezas específicas, as inherentes ás artes escénicas.

Os obxectivos e contidos desta materia articúlanse arredor de dous eixes de actuación. Dunha banda trátase de potenciar a formación integral da persoa; da outra, de incidir na súa formación humanística e artística, a través da apropiación dun coñecemento amplo das artes escénicas, consideradas desde diferentes perspectivas e partindo da vivencia, experiencia e indagación de conceptos e situacións.

Os contidos da materia estrutúranse en cinco grandes bloques. O primeiro debe proporcionarlle ao alumnado unha visión de conxunto das artes escénicas en tanto manifestacións de natureza artística, social e cultural, que presentan unha considerable pluralidade, partindo de dúas perspectivas fundamentais: a histórica e a xeográfica, desde as que tomar conciencia da diversidade, na sincronía e na diacronía. O segundo oriéntase ao desenvolvemento das capacidades expresivas e creativas por medio dun conxunto de actividades cunha dimensión fundamentalmente práctica, que permitan a exploración, análise e utilización dos diferentes sistemas, medios e códigos de significación escénica. O terceiro bloque ocúpase das destrezas, capacidades e habilidades expresivas coa finalidade de abordar a recreación e representación da acción dramática a partir dos máis variados estímulos, en proxectos de traballo orientados á construción de escenas en que se recreen todo tipo de personaxes, situacións e conflitos. O cuarto bloque ten carácter integrador, en canto nel van confluír as aprendizaxes realizadas nos bloques anteriores. O proceso de traballo arredor das pautas de comentario, análise e interpretación de textos, sexan dramáticos ou doutro tipo, dos procedementos da dramaturxia e do estudo práctico das diferentes tipoloxías de espectáculo debe culminar coa realización dun proxecto global de posta en escena dun espectáculo concreto, establecendo e estruturando os elementos de significación que se utilizarán e as relacións entre eles. Ese proceso de creación escénica tamén require da organización e planificación dos ensaios e dunha distribución de tarefas entre equipos de traballo diversos que se ocuparán da realización práctica do espectáculo. Trátase, pois, de exemplificar, con casos concretos, o camiño que leva do texto ao espectáculo, e o papel que terán que desempeñar os integrantes da nómina teatral, coas súas funcións e responsabilidades. Por último, o quinto bloque está orientado ao desenvolvemento de competencias na análise, comentario e interpretación de espectáculos escénicos. Partindo do concepto de público, e en función da evidente dimensión colectiva e social da recepción escénica, deberá abordarse o estudo dos instrumentos e estratexias analíticas propias do proceso de recepción a partir de casos prácticos que permitan organizar debates e confrontar opinións, coa finalidade de potenciar unha lectura reflexiva, crítica e colectiva do acontecer artístico e cultural, realizada con rigor e coherencia e prestando especial atención aos produtos escénicos xerados pola propia comunidade galega. Cómpre potenciar por igual o saber, o saber facer e o saber ser, utilizando un amplo abano de coñecementos, técnicas, recursos e actividades que incidan favorablemente na adquisición dun capital cultural e dunha cultura escénica abondas. Ao mesmo tempo, a través das diferentes modalidades de expresión escénica pódese recrear todo tipo de problemas, situacións e conflitos, mentres que a análise e elaboración de discursos, sexan artísticos, ideolóxicos, sociais ou doutro tipo, permite afondar nun coñecemento reflexivo do mundo que nos rodea e manter unha relación aberta, dinámica, critica e construtiva co noso contorno, todo o cal vai favorecer a autonomía persoal e a transición á vida adulta e activa do alumnado. Nesa dirección, faise necesario incidir no feito de que a materia Artes Escénicas non ten unha dimensión profesional senón que se orienta ao desenvolvemento do potencial expresivo e creativo de mozas e mozos, á promoción dun coñecemento vivido e plural das artes escénicas coa finalidade de formar persoas autónomas, tolerantes, participativas, solidarias, creativas e libres, e cunha sólida cultura artística.

Obxectivos.

O ensino da materia denominada Artes Escénicas, no bacharelato, terá como finalidade o desenvolvemento das seguintes capacidades:
1. Adquirir un coñecemento amplo, sólido e vivido dos conceptos básicos do campo das artes escénicas.
2. Comprender as características fundamentais das diferentes formas da representación escénica e do espectáculo, atendendo a diferentes posibilidades de materialización, nos planos técnico e estético.
3. Potenciar o estudo crítico da realidade artística e cultural mediante procesos de procura e análise de información, analizando as diferentes manifestacións da teatralidade, na perspectiva sincrónica e diacrónica, e prestando especial atención ás manifestacións escénicas realizadas na Comunidade Autónoma de Galicia.
4. Promover o traballo en grupo, favorecendo o coñecemento e a comprensión da identidade propia e da allea, así como da realidade social en que as identidades se conforman e desenvolven, a través dos procesos de expresión, creación e comunicación propios das artes escénicas.
5. Estimular e potenciar o desenvolvemento e perfeccionamento das capacidades expresivas, creativas e comunicativas, a través do traballo individual e en grupo, experimentando e investigando diferentes linguaxes, medios, códigos e rexistros.
6. Desenvolver as habilidades, capacidades e destrezas necesarias para responder con creatividade, orixinalidade e organización ante calquera estímulo, situación ou conflito no marco da ficción dramática e/ou escénica, utilizando os máis diversos recursos, técnicas, códigos e linguaxes.
7. Utilizar as artes escénicas para mostrar, de forma individual e colectiva, sentimentos, emocións, pensamentos e ideas, facendo especial fincapé nas problemáticas e conflitos que afectan o grupo ou a colectividade.
8. Recoñecer e utilizar, con rigor artístico e coherencia estética, as múltiples formas de producir, recrear, interpretar e presentar a acción escénica, e participar de forma activa no deseño, realización e representación de todo tipo de espectáculos escénicos, asumindo diferentes papeis, tarefas, funcións e responsabilidades.
9. Desenvolver a capacidade crítica necesaria para valorar, con rigor, precisión e coherencia, as producións escénicas propias e as alleas, recoñecendo e tendo en conta os seus presupostos artísticos, así como o contexto social, económico e cultural en que se producen, fomentando, dese xeito, unha recepción obxectiva e rigorosa.
10. Valorar e gozar das artes escénicas como unha manifestación artística que forma parte do patrimonio cultural común dos pobos e participar activamente no seu mantemento, desenvolvemento e proxección.

Contidos:

As artes escénicas no seu contexto histórico, social e cultural.
-Concepto e tipoloxía das artes escénicas.
-As artes escénicas e as grandes tradicións: Oriente e Occidente.
-As artes escénicas na súa historia: momentos fundamentais de desenvolvemento e transformación.
-Elementos comúns nas artes escénicas: ficción, dramatización e teatralidade.
-Natureza, descrición e clasificación dos códigos de significación escénica.
-O mundo como representación e as representacións do mundo.
-As artes escénicas en Galicia.

A expresión e a comunicación escénica.
-Exploración e desenvolvemento harmónico dos instrumentos expresivos da interpretación nos planos corporal, xestual, oral e rítmico-musical.
-Estudo da escena como espazo significante e como colector de significantes.
-Análise do papel e do personaxe: da conduta dramática á conduta teatral.
-Exploración dos elementos básicos na ficción escénica: situación, personaxe, conflito e acción.
-Exploración e desenvolvemento de procesos de análise, caracterización e construción de personaxes.
-Exploración e dominio de técnicas para a creación da acción e da ficción escénica: xogo dramático, improvisación, dramatización e creación colectiva.
-Análise e uso creativo de recursos literarios e doutros materiais para a creación da acción e da ficción escénica.
-Exploración e uso de recursos plásticos: deseño da escena, deseño de útiles escénicos, deseño do personaxe a través da indumentaria e da caracterización, deseño da iluminación e do espazo sonoro.

A interpretación en artes escénicas.
-A interpretación na súa historia e nas grandes teorías do teatro.
-Paradigmas e escolas de interpretación.
-Técnicas básicas de interpretación.
-Análise de personaxes a partir da situación, o conflito, a acción e dos seus obxectivos e funcións na ficción dramática e escénica.
-A partitura interpretativa: deseño e execución.
-A escenificación e a representación. Creación e difusión escénica.
-Espectáculo escénico. Concepto, características e modalidades: danza, circo, ópera, teatro.
-Tipoloxías básicas do espectáculo escénico: clásico, de vangarda, corporal, occidental, oriental, de obxectos, musical, de interior, de rúa, cantado, bailado, falado.
-Outras formas de presentación escénica: happening, performance, vídeo-teatro e teatro-danza.
-O deseño dun espectáculo: equipos, fases e áreas de traballo.
-A dramaturxia no deseño dun proxecto escénico.
-A produción e a realización dun proxecto de creación escénica.
-A dirección de escena de proxectos escénicos.
-Os ensaios: tipoloxía, finalidades e organización.
-Exhibición e distribución de produtos escénicos.
-Creación e difusión de produtos escénicos en
Galicia.

A recepción de espectáculos escénicos.
-Público. Concepto e tipoloxías.
-Aspectos fundamentais nos procesos de recepción.
-Análise e comentario de espectáculos escénicos.
-A crítica escénica nos seus rexistros, modalidades e espazos básicos.
-Crítica das representacións da realidade e dos discursos dramático e teatral.
-A crítica escénica en Galicia.

Criterios de avaliación:

1. Demostrar un coñecemento sólido e crítico dos conceptos fundamentais das artes escénicas.
Con este criterio preténdese avaliar a capacidade para diferenciar cada unha das artes escénicas en función dos seus elementos de caracterización máis básicos e pertinentes.

2. Identificar, comprender e explicar as características das diferentes formas de representación e de espectáculo escénico, nunha perspectiva histórica e sincrónica.
Con este criterio débese comprobar se o alumnado coñece e valora a xénese e a evolución histórica das diferentes modalidades de representación, se identifica os diferentes tipos de espectáculo escénico, con especial atención aos propios do seu contorno, sempre a partir dos seus trazos distintivos. Ao tempo tamén se valora a capacidade que as mozas e mozos teñan para usar adecuadamente fontes de documentación en procesos básicos de indagación e investigación.

3. Mostrar motivación, interese e capacidade para o traballo en grupo e para a asunción de tarefas, funcións e responsabilidades en proxectos colectivos.
Este criterio busca valorar a implicación no traballo diario da aula e a participación activa nas diferentes actividades e tarefas propias dos procesos de aprendizaxe.

4. Mostrar as capacidades expresivas e creativas necesarias para a recreación da acción dramática e dos elementos que a configuran.
Mediante este criterio débese avaliar o proceso persoal e colectivo de desenvolvemento de capacidades expresivas, creativas, de comunicación e recepción, así como a dispoñibilidade e implicación para a súa mellora a través do traballo individual e colectivo.

5. Coñecer e utilizar as diferentes técnicas para o deseño de personaxes e a configuración de situacións e conflitos.
Trátase de avaliar a capacidade do alumnado para construír personaxes e situalos en todo tipo de situacións, coa finalidade de desenvolver as accións que lles son propias e elaborar e resolver os seus conflitos, nun proceso permanente de traballo colectivo.

6. Identificar, valorar e saber utilizar os diferentes estilos escénicos e paradigmas na interpretación. Con este criterio valórase a capacidade de utilizar diferentes formas de crear mundos dramáticos en función de criterios estéticos e artísticos. Ao tempo, débese valorar a capacidade para usar os recursos expresivos dispoñibles, en especial a capacidade
para a construción de personaxes a partir dos criterios expresivos e estéticos de cada paradigma interpretativo e de cada estilo escénico.

7. Coñecer e comprender os procesos e fases presentes nun proxecto de escenificación, identificando e valorando tarefas, funcións e responsabilidades de cada persoa creadora no ámbito individual.
Este criterio busca comprobar a capacidade para participar activamente no deseño e realización dun proxecto escénico, identificando os papeis e as actividades propias de cada función, para o seu cumprimento efectivo.

8. Participar no deseño e realización de proxectos de creación e difusión escénica, asumindo papeis diferentes. Cómpre valorar con este criterio a capacidade de implicación nos procesos de realización e exhibición de espectáculos, asumindo papeis diferentes en cada un deles e desempeñando cada función con rigor, responsabilidade e eficacia.

9. Analizar e comentar, con actitude reflexiva e espírito crítico, todo tipo de textos dramáticos e espectáculos teatrais, identificando e valorando as súas características singulares e os seus presupostos artísticos.
Con este criterio avalíase a capacidade de análise e comentario crítico dos produtos escénicos que se presentan no contorno inmediato ou cultural do alumnado, utilizando as estratexias analíticas máis adecuadas en cada caso. Ao tempo tamén se busca comprobar a relacións que se establecen entre os produtos e o seu contexto, mostrando así respecto e tolerancia pola diversidade nos eidos da creación e da difusión.

Orientacións metodolóxicas:

As liñas preferentes de traballo na aula están orientadas á aplicación práctica dos conceptos e procedementos considerados en cada bloque temático, de xeito que as actividades prácticas sirvan como detonante para a integración dos coñecementos teóricos explicados e para que os coñecementos teóricos, á súa vez, teñan sempre unha dimensión práctica. Unha metodoloxía activa, que mobilice os integrantes do grupo, nos planos individual e colectivo, e potencie unha actitude investigadora e crítica para promover a adquisición e a construción do coñecemento nunha perspectiva integradora, reflexiva e crítica.
Os principios formulados deben ter en conta a importancia da selección das actividades da aula e das tarefas que se deben asignar en cada actividade. Por iso, as actividades da aula deben programarse e desenvolverse en función dos seguintes parámetros:

-Seleccionar actividades variadas, con diferente grao de complexidade, establecendo unha secuencia axeitada, de tal maneira que se recollan actividades de introdución, de exploración, de aplicación, de síntese e de integración en proxectos de creación escénica.

-Partir, sempre que sexa posible, de situacións problemáticas abertas, buscar o consenso decidir como precisalas.

-Potenciar a dimensión colectiva da actividade de aprendizaxe.

-Programar actividades que permitan mostrar, analizar e contrastar as propias ideas e experiencias, así como as destrezas, capacidades e competencias xa adquiridas polo alumnado.

-Escoller actividades que permitan a interacción entre a estrutura da disciplina e a estrutura cognitiva do alumnado.

-Propoñer actividades que favorezan a autonomía, a iniciativa persoal e a creatividade, incluíndo a incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación co obxectivo de que o alumnado realice pequenos traballos de indagación e investigación, tanto no plano teórico como no plano da praxe escénica.

-Propoñer actividades que permitan integrar todos os coñecementos que se van adquirindo, tanto no marco da disciplina como desde unha perspectiva máis globalizadora e interdisciplinaria.

-Realizar de forma permanente actividades que permitan que o grupo, tanto no plano individual coma no colectivo, faga unha avaliación continua do traballo realizado, a través de postas en común, memorias, diarios e outros recursos de recollida de datos, vivencias ou experiencias.

-Realizar periodicamente mostras de traballo no marco do grupo ou do propio centro, en tanto que os espectáculos ao vivo constitúen un ámbito fundamental no exercicio profesional das artes escénicas e musicais.