A proba de DEBUXO ARTÍSTICO constará de dous exercicios prácticos.
1. No primeiro exercicio o alumnado realizará unha composición cun mínimo de tres elementos tridimensionais sinxelos (como, por exemplo, balón de praia, caldeiro, caixa de mixtos etc.; obxectos sempre cotiáns e sinxelos). Estes obxectos escolleranse de entre os propostos no enunciado do exercicio.
A composición será libre, pero deberá ter en conta o seguinte:
- Como mínimo, un dos obxectos deberá estar solapado
- Os tres estarán dispostos sobre unha superficie horizontal
- A composición terá un só foco lumínico
Este exercicio será realizado en branco e negro.
- No segundo exercicio práctico o alumnado realizará un debuxo de interpretación ou reinterpretación dunha obra de arte. Poderá ser polícromo.
- O soporte para a realización da proba será de dúas follas, unha para cada exercicio, de tamaño DIN A-3 (sen gramaxe especial e non satinada). As dúas follas entregaránselle ó alumnado no momento da realización da proba; ademais, poderá facer cantos bosquexos previos necesite no caderno de exame. Este tamén servirá para conter e protexe-los dous exercicios realizados polo alumnado.
- O alumnado deberá levar á proba o material que considere oportuno, agás o papel (soporte), que se lle proporcionará no momento da proba.
- A proba será práctica.
A técnica será libre en ámbolos exercicios, pero terase en conta que o procedemento non poderá ser de secado lento e, se cumprise o emprego dun fixativo, o alumnado deberá vir provisto del.
No primeiro exercicio teranse en conta os seguintes aspectos:
-A composición.
-O estudo do claroscuro.
-As relacións de proporcións entre os obxectos.
-A capacidade expresiva da técnica gráfica escollida.
-A capacidade de análise e síntese da imaxe.
A puntuación máxima será de 5 puntos.
No segundo exercicio a avaliación contemplará os seguintes aspectos:
-A capacidade creativa do alumnado, tanto na comprensión como na expresión, mediante o debuxo das formas que se van representar.
-O coñecemento do material empregado, a súa adecuación ó debuxo realizado e a capacidade expresiva da técnica gráfica.
-A composición.
-A capacidade de representa-lo imaxinado.
A puntuación máxima será de 5 puntos.
|