Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Universidade da Coruña
Consellería de Educación

 

Historia da Arte
Historia da ArteGrupo de traballoConsideraciónsEstrutura da probaModelo de exame
Estrutura e organización da proba
 

A adecuación do modelo de exame a normativa fixada no decreto (DOGA , 23 de Xuño de 2008), na que se sinala que o alumnado terá dúas opcións a escoller unha, obríganos a facer de novo cambios na estrutura do exame, que agora terá dúas opcións semellantes, cada unha con dúas preguntas.

Unha primeira pregunta terá tres laminas de entre as que escoller dúas. As láminas poderán ser elixidas entre catro bloques: o que aparece denominado no DCB “Raíces da arte europea: o legado da arte clásica”(é dicir: arte antiga); o do de “Nacemento da tradición artística occidental: a arte medieval”(isto é: arte medieval); o do  “Desenvolvemento e evolución da arte europea no mundo moderno”(arte moderna) e, finalmente, outra entre os que configuran a arte contemporánea: “O século XIX: a arte dun mundo en transformación”,  “A ruptura da tradición: a arte na primeira metade do século XX” e “A arte do noso tempo, a universalización da arte”. A selección dos bloques nas distintas opcións será aleatoria nunha serie de combinacións de catro elementos tomados de tres en tres. Por exemplo, unha opción poderá ter láminas de arte antiga, medieval y moderna e outra de arte antiga moderna e contemporánea; ou unha de arte medieval, moderna e contemporánea e outra de antiga, medieval e contemporánea etc. Pero sempre no total das dúas opcións do exame haberá polo menos unha lámina que pertenza a arte antiga, a medieval, a moderna e a contemporánea.

As láminas escollidas terán que ser comentadas tendo en conta os seguintes apartados e criterios de avaliación:

A.- Un punto pola súa catalogación sinalando cultura/estilo/movemento; cronoloxía; obra; e autor se procede.
B.- Outro punto pola análise do contexto histórico-artístico.
C.- Finalmente dous puntos por analizar e xustificar a obra seguindo os enfoques metodolóxicos da historia da arte.

Unha segunda pregunta, que será a mesma para ambas as opcións, composta de oito conceptos (véxase o  apartado Vocabulario de conceptos artísticos), dos que os alumnos terán que responder tan só a catro, que puntuarán a 0,50 puntos cada unha. O grupo de traballo cre que esta é mellor solución ca facer dúas preguntas distintas, unha para cada unha das opcións, de catro cuestións sen posibilidade de elección, porque lle permite ao alumnado un abano de posibilidades maior, que ademais non vén condicionado pola elección das láminas, polo que tampouco poderá dicir que as preguntas dunha opción son máis doadas cás da outra. Tamén se desbotou a posibilidade de facer dúas preguntas distintas de oito cuestións polo que suporía de gasto de tempo e incremento de nervios e dubidas por parte do alumnado á hora de elixir.