Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Universidade da Coruña
Consellería de Educación

 

Análise musical II
Descriptores de audicións
Análise musicalGrupo de traballoOrientacións
Anterior
12. Beethoven, Sinfonía nº 5, opus 67, 1º mov.
Seguinte

Audio Partitura 12 L. van Beethoven, Sinfonía nº 5, opus 67, 1º mov. Partindo do legado de J. Haydn, cuxa tradición sinfónica continúa, as contribucións que realiza Beethoven a esta gran forma musical, en canto ao manexo da orquestra a partir de bloques sonoros ou a ampliación das súas dimensións, fan que poidamos falar del como dun dos cumes do sinfonismo. A Quinta Sinfonía foi escrita entre os anos 1805 e 1808. En Dó menor, a culminación no cuarto movemento en Dó maior a través dunha transición que une os movementos terceiro e cuarto sen solución de continuidade, chegouse a interpretar como unha vitoria en loita fronte ao destino, destino que chama á porta de modo vehemente e enérxico na exposición do tema principal, en forma de célula rítmica de tres corcheas que se prolongan nunha branca e que se ha de repetir incansablemente, non só no primeiro movemento (onde, ademais do tema inicial, aparece tamén como baixo rítmico do segundo tema), senón ao longo de toda a Sinfonía. Fronte a este tema principal, enarborado por primeira vez polas cordas e os clarinetes, oponse un segundo tema lírico e expresivo, que interpretan sucesivamente os primeiros violíns, clarinetes, frautas... A partir de aquí, un desenvolvemento baseado no motivo inicial, no que se dan grandes contrastes expresivos a partir de violentos contrastes de intensidade entre os grupos instrumentais, e unha reexposición que altera a presentación do tema principal na súa dinámica e carácter, completan a “forma sonata” deste primeiro tempo.

E interesante comprobar o equilibrio das proporcións entre as diferentes seccións do movemento, cun número moi semellante de compases, incluíndo a longa coda. Tamén se destaca o papel dos dramáticos silencios que interrumpen ou subliñan a forza do discurso musical. A harmonía é sobria, esencial, con acordes e modulacións sinxelos, e deixa espazo ós contrastes dinámicos; destaca harmonicamente a pasaxe en brancas que prepara a reexposición. A instrumentación desta sinfonía segue o esquema da orquestra clásica, malia que frautín, contrafagot e trombón baixo, engadidos no 4º movemento, son instrumentos menos habituais no sinfonismo da época.

Anterioranterior
seguinteSeguinte