Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Universidade da Coruña
Consellería de Educación

 

Análise musical II
Descriptores de audicións
Análise musicalGrupo de traballoOrientacións
Anterior
8. Bach, Paixón segundo San Mateo
Seguinte

Audio Partitura 8  J. S. Bach, Paixón segundo S. Mateo, BWV 244 (Coro inicial, Kommt, ihr Töchter). A Paixón segundo san Mateo representa a culminación e síntese máis perfecta do Barroco musical e un dos cumios da historia da música occidental. Concibida como unha forma intermedia entre a cantata luterana e o oratorio, o xénero da Paixón acadou gran desenvolvemento na Alemaña ao longo do Barroco, cun fin didáctico, moi propio da Reforma e tamén da arte barroca. Aínda que posiblemente Bach chegase a compoñer catro paixóns, só nos chegaron dúas que son súas con seguridade (A Paixón segundo San Xoán e a Paixón segundo San Mateo), sendo esta última moito máis complexa pola súa monumentalidade.

A obra iníciase cun dobre coro, acompañado cada un pola súa respectiva orquestra, que como aplicación da policoralidade, dialogan e convídanse mutuamente a acudir a presenciar os sufrimentos que Cristo vai padecer pola súa redención. Tralo diálogo inicial dos dous grupos, un terceiro coro de voces brancas entoa un coral da máis pura tradición protestante (O Lamm Gotte, unschuldig, BWV 401), a partir do cal o Oratorio cobra a súa dimensión absolutamente contextualizada no tempo da Paixón. Tras este coro inicial e ata o coro final, sucédese unha serie de recitativos e arias dos diferentes personaxes da historia (Evanxelista, Cristo, personaxes varios, pobo etc.)

Ao longo da obra aparecen numerosos corais, pezas fundamentalmente homofónicas (por acordes) típicas da liturxia protestante, que articulan e parafrasean todos os sucesos narrados, sendo ademais moi posible que nos momentos en que se entoaban estas corais, sobradamente coñecidas polos fieis, os asistentes á celebración litúrxica se puxesen en pé e se sumasen ao canto colectivo.

Anterioranterior
seguinteSeguinte