Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Universidade da Coruña
Consellería de Educación

 

Análise musical II
Descriptores de audicións
Análise musicalGrupo de traballoOrientacións
Anterior
1. Canto Gregoriano, Veni creador Spiritus
Seguinte

Audio Partitura 1 Canto gregoriano, Veni creador Spiritus. Aínda que o canto dos himnos remóntase ós albores do cristianismo, non foron adoptados oficialmente pola igrexa romana ata o século IX ou X, grazas á tradición monástica benedictina; con todo, o seu uso complementa as celebracións litúrxicas pero non se integran na misa. Este himno gregoriano foi composto para a oración de Vésperas da festividade de Pentecostés, sendo as vésperas a penúltima oración do día, ó serán. Os himnos, estróficos e con frecuencia rimados, tiñan unha liberdade textual da que non gozaban os salmos bíblicos, pero tamén sacrificaban ás veces a relación tan estreita entre texto e melodía dos outros, ó ter que se cinguir a unha estrutura prefixada. Tamén a rítmica do texto oscilaba entre o silabismo ou o canto neumático en función do verso. Neste caso, temos sete estrofas de catro versos que invocan a chegada do Espírito Santo, aínda que cada interpretación acorte ou complete o texto a demanda.

A existencia dunha métrica condiciona un ritmo que, sen chegar a ter unha pulsación regular de maneira constante, si a manifesta nalgunhas ocasións, especialmente cando o texto se presta ó silabismo, e xa menos nos momentos neumáticos (especialmente coincidentes sobre o neuma de dúas notas (clivis. Canto á modalidade, este himno cínguese ó modo oitavo (hipomixolidio ou tetrardus plagal) que flexiona en semitóns entre o graos II-III e VI-VII. A melodía estrutúrase en ámbitos delimitados en cada verso describindo un arco ascendente-descendente.

Aínda que orixinalmente os cantos gregorianos foron concibidos para a súa interpretación a capella, é moi frecuente a utilización do órgano na maioría dos centros relixiosos, executando este un acompañamento acórdico de natureza tonal.

Anterioranterior
seguinteSeguinte